VISITA AOS BANCOS MARISQUEIROS DE PADERNE

Os nenos e nenas de Paderne tiveron a oportunidade de coñecer a labor que desenvolven os/as mariscadores/as nas nosas costas a través dunha actividade realizada este pasado 31 de agosto na praia da Abeleira, unha das praias do Concello de Paderne.

A través dela, e coas explicacións da bióloga da confraría de pescadores de Miño, os/as participantes coñeceron as especies que se dan nas costas de Paderne, os modos de extracción e as súas características, ademais dos problemas que se detectan e a maneira de combatelos.

Así, acompañados por persoal do Concello, persoal da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e persoal da Confraría de Pescadores, puideron pasar unha xornada moi ilustrativa e amena.

Para o respecto e o coidado do medio ambiente é fundamental o coñecemento do entorno no que vivimos e, polo tanto, proporcionar aos nosos nenos e nenas momentos para descubrir o medio aportándolles información útil para saber aprecialo e coidalo.

Dita actividade, está incluída no proxecto “Adecuación e rexeneración do patrimonio medioambiental e accesos a zonas marisqueiras” ao abeiro das axudas Golfo Ártabro Norte.