VIII ASEMBLEA DA REDE DE GOBERNOS LOCAIS+BIODIVERSIDADE EN MADRID

O Alcalde de Paderne, César Longo, un dos alcaldes galegos que figuran no Consello Rector do Goberno da Rede de Gobernos Locais+Biodiversidade, participou na VIII Asemblea da Rede que tivo lugar o pasado 24 de xaneiro no pavillón de IFEMA en Madrid baixo a presidencia de Josep Félix Ballesteros, Alcalde de Tarragona.

No transcurso da mesma foi presentado o programa de actuación para o 2019 así como os avances realizados polos diversos Grupos de Traballo da Rede. Os outros temas tratados foron as posibles colaboracións con diversas entidades, a organización dunha Xornada sobre Aves en Núcleos Urbanos en colaboración coa Asociación Nacional de Empresas de Control de Pragas (ANECPLA) e a participación no 46º Congreso de Parques e Xardíns Públicos PARJAP 2019, así como as correspondentes memorias.

O Alcalde de Paderne e Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas-Coruñesas e Terras do Mandeo, moi involucrado no coidado do medio ambiente, participa activamente no deseño da Guía de Infraestrutura Verde, presentada no transcurso desta Asemblea. Este proxecto, no que participan expertos en distintas disciplinas relacionadas co medio ambiente, quere facilitar a elaboración dun manual de xestión da infraestrutura verde nos concellos que participan neste grupo, incluíndo as súas recomendacións na Guía, de acordo cos obxectivos da Rede, de creación dun marco estable impulsor de políticas de conservación e fomento da biodiversidade, da protección do medio ambiente e da salvagarda dos diversos ecosistemas e loita contra as especies invasoras como a herba da pampa e a vespa velutina que tanto están afectando a Paderne.