I CONCURSO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS VIDAS MARIÑEIRAS

Un concurso convocado polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, do que o Alcalde de Paderne é Vicepresidente.

Está dirixido ao alumnado de 3º da ESO, 4º da ESO e 1º de Bacharelato.

É unha das actividades que o GALP Golfo Ártabro Norte, a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), realiza para dinamizar e poñer en valor o litoral ártabro.

Contempla a selección, titorización e desenvolvemento de varios proxectos cinematográficos que darán como resultado unha serie de filmes representativos da vida e paisaxe desta costa a partir do retrato dos oficios vinculados ao traballo no mar.

Cada proxecto deberá ser presentado por un grupo constituído por entre 5 e 15 persoas, non necesariamente do mesmo curso escolar nin do mesmo centro.

Os proxectos seleccionados formarán parte do programa de formación audiovisual “Vidas mariñeiras 2017”. Ao longo das 8 semanas que dura o curso, entre outubro e decembro, o alumnado recibirá unha formación teórica e práctica gratuíta para producir o proxecto presentado.

Os participantes aprenderán sobre a historia do cinema ao tempo que desenvolven todos os procesos necesarios para organizar, rodar e editar os seus filmes, desde a escaleta de produción até os axustes finais de posprodución e masterización.

O programa completo e calendario do curso poden verse en www.vidasmarineiras.gal/programa.pdf

© 2013 Concello de Paderne