VISITA A VIVEIROS DE EMPRESAS DE CATALUÑA

Os días 20 e 21 de novembro, o Alcalde de Paderne e Vicepresidente do GDR – Mariñas Betanzos e Terras do Mandeo, César Longo, xunto co técnico do GDR e representantes do Concello de Cambre desprazáronse a Cataluña co fin de recoller ideas para poñer en marcha o primeiro viveiro de emprendemento da Comarca, na parroquia de Souto, en Paderne.

Este viveiro de emprendemento vitivinícola para o Branco Lexítimo, estará situado nunha casa, de titularidade municipal, que se vai a restaurar con este fin. Ademais da incubadora de empresas para o Branco Lexítimo, aquí tamén terán cabida as empresas agroalimentarias derivadas da horta e da pesca da zona, poñendo así en valor o gran potencial que para Paderne poden representar todos estes produtos.

Os contactos destes dous días estiveron centrados no análise da dinámica xerada polo Organismo Autónomo de Desenrolo da Conca de Barberà. Este Organismo, creado polo Consell Comarcal da Conca de Barberà, ten como finalidade a promoción do desenvolvemento económico, ocupacional e social. A súa marca, Concactiva, pon a disposición dos emprendedores e empresarios, o Viveiro de Empresas, un espazo moderno e innovador destinado á ubicación temporal de novas empresas e de empresas consolidadas.

César Longo quere recoller ideas útiles que faciliten a posta en marcha e a implantación de empresas neste espazo a rehabilitar en Souto co fin de que sirva como punto de encontro da actividade económica da Comarca activando así a súa riqueza e dinamización.

© 2013 Concello de Paderne