SOLICITUDE DE CATRO NOVOS OBRADOIROS DE EMPREGO
Conscientes de que o traballo e a formación son claves para o desenvolvemento da persoa e, polo tanto, da sociedade, o Concello de Paderne segue a buscar ferramentas para os seus habitantes facilitando a súa participación nos obradoiros de emprego.
A través desta vía, cada ano, varias persoas de Paderne reciben emprego e formación para acceder a un posto de traballo en profesións altamente demandadas na sociedade actual.
Así, veñen de solicitarse catro novos obradoiros de emprego en colaboración con concellos limítrofes o que ven a demostrar o empeño de todos por loitar contra o desemprego na comarca.
Temos o obradoiro de emprego “Reserva de Biosfera: Emprego Rural” solicitado conxuntamente entre os concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada que desenvolverá as especialidades de “Fruticultura” con 10 alumnos e “Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería” e complementariamente “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” con outros 10 alumnos:
Convenio de colaboración entre os concellos de Abegondo, Betanzos, Carral, Coirós e Paderne para a posta en marcha do obradoiro dual de emprego “Autonomía e Inclusión: Formación, Empregabilidade” nas especialidades de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” para 10 alumnos e “Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade” con outros 10 alumnos.
Convenio-acordo de colaboración entre os concellos de Miño, Paderne e Pontedeume para o proxecto “Sociosanitario IV” na especialidades de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” para un total de 20 alumnos.
Por último, acordo de colaboración entre os concellos de Abegondo, Betanzos, Carral, Coirós e Paderne para a posta en marcha do obradoiro de emprego, dirixido a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, “Emprendendo”, nas especialidades de “Promoción turística local e información ó visitante” con 10 alumnos e “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” para outros 10 alumnos.
Un importante traballo de coordinación e esforzo en pro do emprego e do benestar das persoas.