PRESENTACIÓN DO OBRADOIRO DE EMPREGO: “RESERVA DE BIOSFERA, EMPREGO VERDE”

Este día 3 de outubro tivo lugar en Abegondo a presentación dun novo Obradoiro de Emprego “Reserva de Biosfera: emprego verde” en colaboración conxunta entre os concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras, Paderne e Sada.

Ademais do Alcalde de Paderne, César Longo, e o Alcalde do Concello anfitrión,  estiveron tamén presentes os/as alcaldes/as dos respectivos concellos participantes e a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

Este Obradoiro ofrecerá 1.920 horas de formación a 20 persoas en situación de desemprego dos oito municipios, das cales 10 participarán na especialidade de conservación e mellora de montes e as outras 10 en xardinería.

A previsión é que este programa remate en setembro de 2023; en canto aos incentivos á contratación do persoal, terán unha duración de 12 meses, ata febreiro de 2024.

O programa incluirá a execución de diferentes actuacións de mantemento, conservación e tratamento de fincas forestais, zonas verdes e áreas recreativas dos oito concellos involucrados na iniciativa.