SEPAREMOS BEN, RECICLAREMOS MELLOR

Unha nova edición da campaña institucional de concienciación social sobre a recollida selectiva e a reciclaxe, “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promoven a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, contando coa colaboración e apoio dos Sistemas Integrados de Xestión (SIX) de envases lixeiros, envases de vidro, pilas e residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), tivo lugar en Paderne o pasado día 11 de xullo. O Alcalde, comprometido co reciclaxe e o coidado do medio ambiente, preocúpase de que os nenos e nenas do Concello reciban, desde as primeiras idades, contidos encamiñados a fomentar neles unha conciencia preocupada polo noso entorno.

Así, mediante actividades de carácter lúdico-informativo, desenvolvidas por educadores ambientais, preténdese coidar a educación en valores e que tamén os máis pequeniños sirvan de axuda no control dos residuos que se xeran nos seus domicilios animando ás familias a reciclar cada vez mellor.

Para o desenvolvemento das actividades que se levaron a cabo durante esta xornada, contouse co apoio dunha aula móbil e un pequeno inchable nos que, a través de xogos, foron realizando tarefas de recollida selectiva e reciclaxe.

Esta campaña está incluída dentro das outras moitas actuacións que o Concello de Paderne, Territorio Reserva de Biosfera, realiza a fin de comprometer ós seus cidadáns cos coidados do entorno, sendo ademais xestos que repercuten na economía de todos dado que canto mellor se recicla menos se paga.

© 2013 Concello de Paderne