Saúdo do alcalde

concello

“Paraíso entre ríos”, emblema do noso Concello, emblema dun pobo orgulloso de ser Reserva da Biosfera, que ten claros os valores e os vínculos que deben e queren establecer os seus habitantes co territorio.

Valores de respeto e coidado polo medio ambiente, conscientes de que a saúde e o desenvolvemento teñen unha relación directa e deben ir en harmonía.

Sabemos que a persoa é unha parte fundamental dese desenvolvemento, xa que ningún organismo público, por si so, ten a capacidade suficiente para facer do territorio un lugar limpo e saudable sen unha sensibilidade por parte dos seus habitantes.

Somos conscientes dos esforzos que a nivel mundial se están a facer para frear o cambio climático, polo que non podemos mirar para outro lado pensando que non vai con nós. Todos temos parte de responsabilidade; cando reciclamos correctamente, cando aproveitamos os recursos ou cando reutilizamos os materiais; son exemplos claros de comportamentos responsables que suman esforzos para contribuír ó ben común.

En definitiva, se todos amamos o lugar no que vivimos, respetarémolo; se todos nos sentimos orgullosos do noso, coidarémolo.

Esta páxina web quere plasmar ese sentir como unha filosofía de vida e do impulso que con tanta ilusión queremos dar ó noso Concello, a ese “Paraíso entre ríos”.

D.César Longo Queijo, Alcalde de Paderne