A Reserva da Biosfera estrea, como experiencia turística, unha ruta por Paderne con visita e cata de tés en Orballo

Foi realizada, o pasado 7 de xullo, por profesores adscritos ao programa “Educando na biosfera” e posteriormente será ofrecida como produto turístico

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo lanza a súa primeira experiencia turística, unha nova ruta de ecoturismo co fin de apoiar a esta actividade no territorio, ademais de fomentar a colaboración entre o sector privado e os principais axentes da zona. Trátase dun percorrido de 12 kilómetros pola parte alta do Concello de Paderne, xunto ó Mandeo, con saída e chegada na empresa Orballo, adherida á marca da Reserva. 

Para estreala, a Reserva invitou a realizala a profesores dos centros educativos da zona que están adheridos ao programa “Educando na Biosfera”, a modo de agradecemento pola colaboración neste curso académico tan atípico. Foron os mestres do CPI Cruz do Sar de Bergondo que puideron disfrutar da ruta de sendeirismo pola zona natural de Paderne realizada pola empresa Marmar Outdoor, que en breve tamén será certificada dentro da marca da Reserva. 

Antes de emprender a camiñata, participaron nunha cata de tés na fábrica de Orballo. Tamén viron as súas plantacións, nas que se está renovando o traballo do campo galego, innovando e recuperando técnicas de agricultura tradicional. 

Ao final do seu percorrido, César Longo, vicepresidente da Reserva da Biosfera, recibiunos na fábrica, onde lles agradeceu a súa participación, tanto no programa como na actividade, ademais de destacar que o territorio que acababan de visitar conseguira certificarse este ano como o primeiro Destino de Ecoturismo de Galicia.

Cabe destacar que esta experiencia será comercializada integramente por empresas locais e estará dirixida a turistas, pero tamén á poboación local.