Mariñas Coruñesas crea a “Ruta da Auga e da Biosfera”, un recorrido na marxe da ría en Paderne

A proposta inclúe a observación de aves, visita a muíños ou degustación de produtos da Biosfera.

O plan de ecoturismo da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo incorpora unha nova iniciativa. Trátase da “Ruta da Auga e da Biosfera” propoñendo un recorrido pola marxe da ría de Betanzos no Concello de Paderne.

A iniciativa foi presentada este día 8 de setembro polo Vicepresidente da Reserva e Alcalde de Paderne, César Longo, ao sector turístico da área: touroperadores, maioristas, axencias ou blogueiros. Incorpórase ao conxunto de rutas temáticas que comercializará a Reserva de Biosfera xunto co empresariado do territorio certificado na súa marca de calidade. 

Na ruta combínase o patrimonio natural co cultural de Paderne, e sempre conxugándoo con experiencias no sector agroalimentario, baixo o prisma do ecoturismo.

Partindo da igrexa de Santa María de Souto, en primeiro lugar realízase unha parada no observatorio de aves. Logo a actividade trasládase a Chantada, para realizar unha visita interpretativa aos muíños. Finalmente, lévase a cabo un paseo pola beira da ría para concluír o programa coa degustación de produtos nun restaurante da marca en Betanzos.

César Longo destacou que este entorno “é dos máis emblemáticos e tradicionais a nivel de produción agroalimentaria”. O vicepresidente anima a disfrutar dunha experiencia que une “valores ambientais e etnográficos”.