ROTEIRO DO BOCELO

Nesta ruta percorremos unha senda pola beira do río Mandeo desde Teixeiro até a Minicentral do Zarzo.

O río Mandeo establece unha división natural entre o Concello de Paderne e os Concellos de Betanzos e Coirós.

Aquí partimos de Teixeiro cara ao Leste por unha senda paralela ao río que nos leva até Chelo, coto de pesca no que atopamos un antigo muíño que tivo moita importancia na contorna dado que a el acudían a moer desde Betanzos até persoas de Pontedeume.

Seguindo o río chegamos ao Bocelo, antigo balneario que tivo o seu apoxeo nos anos 30 do século pasado ata que un incendio deixouno en estado ruinoso nos anos 40.

As augas sulfurosas deste balneario eran usadas como bebida para tratar enfermidades do fígado e como baños para o reuma e enfermidades da pel.

Continuando por este carreiro á beira do río, chegamos á Minicentral do Zarzo, afluente do Mandeo, lugar no que se aproveita fórzaa da auga para a produción de electricidade.

Esta ruta é ideal para gozar da natureza.


ROTEIRO DOS MUÍÑOS

Nun "Paraíso entre ríos" como Paderne, estes determinaron nun tempo o traballo que realizaban os seus habitantes aproveitando os beneficios da auga para a construción de gran número de muíños.

Na ruta que nos ocupa atópanse 14 muíños de diferente importancia e estado de conservación.

Partindo da Pedreira, Adragonte, seguimos polo Casal para baixar por unha pista cara ao Sur chegando aos muíños do Casal; cruzamos o río e seguimos por un desvío cara ao Oeste.

Cando terminamos a subida, no cruzamento de pistas de San Mamede, baixamos cara ao Norte até unha bifurcación na que tomamos dirección Oeste por unha pista que nos conducirá ao Canteiro. Cruzando o río Meinzoso baixamos cara aos muíños do mesmo nome; aquí subimos pola estrada rumbo Norte. Despois de pasar unhas curvas camiñamos por unha pista ao Oeste até cruzar unha pequena estrada seguindo recto en dirección Quintas.

Alí imos por unha senda de gran beleza que baixa pegada ao río onde se suceden os muíños e saltos de auga; seguimos por ela e imos até o muíño de Teixeiro e o antigo serradoiro.

Desde Teixeiro seguindo o camiño río arriba chegamos sen problemas a Chelo, lugar no que finaliza esta ruta.

© 2013 Concello de Paderne