A RESERVA DE BIOSFERA SUPERA A ÚLTIMA AUDITORÍA PARA CONVERTERSE EN DESTINO TURÍSTICO STARLIGHT

Os 17 municipios obterán a certificación que recoñece a calidade dos seus ceos para ser observados, algo que potenciará o seu carácter como destino ecoturístico e que lle permitirá dar un impulso máis ao seu desenvolvemento económico e social.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo superou a última auditoría para converterse en Destino Turístico Starlight. Esta certificación, concedida pola Fundación Starlight, constata como óptima a calidade do ceo dun territorio en canto ás súas calidades para a contemplación. Ao estar protexidos da contaminación lumínica, estes ceos son especialmente aptos para desenvolver actividades turísticas baseadas neles.

Deste modo, a Reserva de Biosfera obterá nas próximas semanas un recoñecemento oficial que fortalecerá o territorio dos seus 17 municipios, que conforman el Primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia. Neste sentido, veranse moi beneficiadas as empresas coa Marca de Calidade da Reserva que traballan anualmente na mellora e sustentabilidade turística.  

O traballo para obter esta certificación comezou fai varios meses, cando a Reserva de Biosfera comezou os trámites para converterse en Destino Turístico Starlight e, o pasado luns día 3, tivo lugar a última reunión de traballo, encabezada polo vicepresidente da Reserva e Alcalde de Paderne, César Longo, coa auditora do organismo, para certificar o ‘aprobado’ no último examen.

Estas accións para loitar contra a contaminación lumínica non irán enfocadas a reducir a iluminación nos núcleos de poboación e os recursos patrimoniais. Máis ben ao contrario, pois buscarase instalar sistemas moito máis eficientes baseados en novas tecnoloxías para obter unha mellor iluminación, máis segura e mellor orientada.

Unha vez que a certificación sexa oficial, desde a Reserva traballarase na redución da contaminación lumínica a través do programa ‘Educando na Biosfera’, que ofrecerá oportunidades de formación como ‘monitores Starlight’ aos membros das empresas locais co certificado na Marca. Tamén se adecuarán espazos infrautilizados do territorio para dotalos de infraestrutura astroturística e se crearán experiencias nocturnas de divulgación que fortalecerán a oferta dos Aloxamentos da Biosfera.

Na mesma liña, baixo o Plan de Sustentabilidade Turística da Reserva, traballarase para concretar modelos de ordenanzas municipais e instrucións que exerzan como ‘modelo’ para desenvolver planes de iluminación contra a contaminación lumínica e, ao mesmo tempo, fomenten a transición ecolóxica.

Un conxunto, tres zonas

Tódolos municipios da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo lograron entrar nos límites establecidos para ser considerados Destino Turístico Starlight (DTS). 

Despois de 20.324 medidas para avaliar a nitidez, a transparencia e a cobertura das nubes, foron clasificados en tres zonas: Zona Núcleo, Zona de amortiguamento (buffer) ou Zona Externa.

A Zona Núcleo é a máis oscura, con mellores valores para a observación. Corresponden ao 30% de todo o territorio, concretamente á zona este da Reserva. Sobrado, Aranga, Curtis u Oza-Cesuras son os municipios cos valores máis óptimos en canto á calidade do ceo nocturno.

Por último, as Zonas Externas conforman o 50% do territorio da Reserva e están asociadas a zonas urbanas ou a áreas industriais dos municipios e o seu entorno.

A Fundación Starlight, un organismo recoñecido

A Fundación Starlight, que deu luz verde a certificar como DTS á Reserva de Biosfera, é un organismo dependente do Instituto Astrofísico de Canarias. Ademais, está avalado pola certificación da Organización Mundial do Turismo e da UNESCO.

Os seus principais obxectivos son a protección do ceo nocturno, a difusión cultural da astronomía e o desenvolvemento económico sostible local a través do astroturismo.

Tanto o Presidente de la Reserva e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, como o Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo, destacan que a futura certificación será un impulso importante para este territorio.