A RESERVA DE BIOSFERA PRESENTA O ÚNICO ENTROIDO TRADICIONAL DO SEU TERRITORIO, O DE SAMEDE, NO CONCELLO DE PADERNE, E ENTREGA A PLACA COMO NOVO “RESTAURANTE DA BIOSFERA” A CASA BEADE
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo á que pertence o Concello de Paderne, presentou este 10 de marzo o único Entroido tradicional do seu territorio, o ENTROIDO SAMEDE.
Asistiron César Longo, Vicepresidente da entidade e Alcalde de Paderne, Diego López, técnico da Reserva da Biosfera, Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Cagiao, presidente da Asociación Cultural Entroido Samede e Emilia Cagiao, membro da Asociación Cultural Entroido Samede.
Ao comezo do acto fíxose entrega da placa como novo “Restaurante da Biosfera” a Casa Beade, que acolleu esta tarde a presentación. Neste sentido, e por tratarse dunha celebración tan singular, a Reserva da Biosfera colaborou na elaboración dos materiais audiovisuais que hoxe se proxectaron na Taberna Beade, para achegar á poboación local, pero tamén aos excursionistas e turistas que visiten o noso Concello e coñezan as tradicións deste territorio como Primeiro Destino Ecoturístico Certificado de Galicia.
Ademais, o Entroido de Samede darase a coñecer en BIOCULTURA o vindeiro domingo 5 de marzo en EXPOCoruña co baile tradicional da Muiñeira cruzada.
O Alcalde, César Longo, quixo agradecer "a tódolos asistentes, así como a tódalas persoas que fixeron e fan posible a recuperación do Tradicional Entroido Samede", así como a "Casa Beade, polo súa boa acollida e aos veciños e veciñas socios da Asociación Cultural Entroido de Samede”, destacando que “seguiremos loitando polas nosas tradicións e pola súa difusión para as xeracións vindeiras”.