A RESERVA DE BIOSFERA SINALA A PRIMAVERA COMO DATA PARA CONVERTIRSE EN DESTINO TURÍSTICO STARLIGHT 

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo prevé que na próxima primavera poderá obter a cualificación de Destino Turístico Starlight. O Presidente e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e o Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo, mantiveron este pasado 19 de xaneiro, un encontro en Fitur coa presidenta da Fundación Starlight, Antonia Varela, para analizar a situación da candidatura e a colaboración futura entre as dúas entidades.

Na reunión, na que tamén participou o técnico da Reserva, Diego López, avanzouse que se está ultimando o proceso de medicións do ceo. Queda pendente de realizalas en época de lúa nova. Para elaborar a candidatura, a Reserva de Biosfera iniciou un proceso de medición do ceo dos seus 17 municipios, así como os puntos de monitorización continua. 

Os Destinos Starlight son lugares visitables con excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados, buscando a súa protección da contaminación lumínica, o que supón unha oportunidade para desenvolver actividades turísticas, en consonancia coas outras actuacións da Reserva como, por exemplo, o ecoturismo.

No encontro, a Reserva e a Fundación concretaron accións de colaboración próximas, unha vez que se teña aprobado o certificado. Neste sentido, impulsarase unha formación ao empresariado local para que poidan ofertar actividades relacionadas coa denominación Starlight.

Así mesmo, Mariñas Coruñesas contará co apoio da Fundación para a creación de infraestruturas para a observación do ceo. A Reserva ten a idea de implantalas tanto na costa como no interior. Ademais, a entidade tamén poderá asesorar para realizar estratexias de redución da contaminación lumínica.