A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO INCORPORA AS CATAS SENSORIAIS PARA EVALUAR PRODUTOS DO TERRITORIO
O Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Alcalde de Paderne, César Longo, realizou a presentación dunha cata sensorial de produtos certificados con Marca de Calidade do territorio este pasado día 21 de decembro nas instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
Na presentación, César Longo destacou a importancia da utilización dos últimos avances técnicos para incrementar a calidade dos produtos da Reserva con esta experiencia pioneira en España.
A través dunha tecnoloxía innovadora, la empresa TasteLab utiliza diademas sensoriais con software específico que permite analizar, medir e describir de maneira obxectiva as características dos produtos presentados na cata. Así, os participantes, seguindo as indicacións que a técnico da empresa, Maruxa Quiroga, lles proporcionaba, ían analizando a súa calidade a través de tódalas sensacións que lles xeraba esta degustación. Lolo Mosteiro, presidente da Asociación de Ecoturismo da Reserva de Biosfera foi o primeiro en participar da experiencia coa diadema sensorial coa que se coñecían, en tempo real, os datos das emocións que ían provocando a cata dos produtos.
Probáronse dous tipos diferentes de marmelada, queixo e zume de mazá, un que contaba co Certificado de Calidade da Reserva de Biosfera (Queixos Cagiao, Zumes a Castrexa e Marmeladas As Camposeiras), e outro que non. A través dunha enquisa deseñada pola empresa tecnolóxica, foron valorando as calidades dos diferentes alimentos tales como a textura, intensidade de cor, sabor doce, sabor amargo,... co obxectivo de comparalos e destacar a calidade dos que contaban coa certificación.
Unha experiencia innovadora na que participaron varios restauradores e produtores do territorio, ademais do coñecido sumiller Alejandro Padín. Segundo César Longo, esta iniciativa, representa un gran apoio para o sector agroalimentario, para os Restaurantes da Biosfera e os establecementos certificados que utilizan estes produtos.