RECICLANDO PARA EVITAR O CAMBIO CLIMÁTICO NO DÍA DA ÁRBORE, PADERNE 2017 TERRITORIO RESERVA DA BIOSFERA

O 21 de marzo, o Concello de Paderne realizou unha xornada de concienciación sobre o coidado do medio ambiente na que participaron diversos colectivos do Concello moi implicados na limpeza e coidado do noso entorno como son o Coto de Caza, a Sociedade de Pescadores, a Confradía de Pesca e Marisqueo, a Asociación de Veciños de Quintas, a Empresa de recollida de lixo, Protección Civil, persoal do Concello, concelleiros e o propio Alcalde.

Desde primeiras horas da mañá, e ata a hora de comer, dedicáronse a limpar os vertedoiros incontrolados detectados en distintos puntos do Concello transportando os residuos atopados cos seus propios medios.

Ó mesmo tempo, unha pequena carpa da empresa Ecoembes, Sociedade Anónima sen ánimo de lucro que se dedica á mellora da xestión dos residuos, colaborou con material de diverso tipo e en actividades cos pequeniños das escolas de Educación Infantil de Paderne que tamén plantaron uns piñeiros cedidos pola Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” como conmemoración do Día da Árbore 2017.

Algunhas das actividades realizáronse en colaboración coa campaña de concienciación social sobre a recollida selectiva e a reciclaxe, “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promoven a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, contando coa colaboración e apoio Sistemas Integrados de Xestión (SIX) de envases lixeiros, envases de vidro, pilas e residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE)

© 2013 Concello de Paderne