Paderne recibe o Nadal este sábado co acendido de luces e un concerto no Telleiro

  • O acto comezará ás 19 horas, cunha felicitación das festas ao cargo da corporación municipal, o acendido de luces nas parroquias e o concerto de Carlos Manteiga
  • O mércores 22 celebrarase a Festa de Nadal das Escolas e os venres 22 e 29 haberá dous concertos nas igrexas de Vilamourel e Velouzás
  • O xoves día 4 os Reis Magos farán un percorrido polas rúas do municipio, rematando cunha recepción no Telleiro

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, xunto co resto da corporación municipal, realizarán unha felicitación das festas este sábado no Telleiro, inaugurando o Nadal no Concello de Paderne.

O acto dará comezo ás 19 horas, cunha festa familiar e o acendido de luces. Ao remate, Carlos Manteiga ofrecerá unha actuación musical para todas as persoas asistentes. O buchinche estará a cargo das comisións de festas de Velouzás e Vilamourel.

A axenda continúa o mércores, 22 de decembro, celebrando a Festa de Nadal das Escolas no Fogar do Maior, a partir das 11 horas. Estará aberta a todos os nenos e nenas que queiran participar nunha actividade que inclúe a actuación dunha obra de teatro e a visita de Papá Noel.

Os venres 22 de decembro a Igrexa de Vilamourel acollerá, a partir das 20 horas, a actuación de Treides Comigo, do compositor e cantante Xoán Curiel, quen musicalizou varias cantigas medievais compostas por trobadores galegos vencellados dalgún xeito a autores dos lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago.

O venres, 29 de decembro, Musicalmente Eventos realizará un espectáculo musical na Igrexa de Velouzás, a partir das 20 horas.

Por último, o xoves 4 de xaneiro, As Súas Maxestades os Reis Magos farán un percorrido polas rúas do Concello de Paderne, saíndo da Casa do Concello e pasando por todas as parroquias, rematando no Telleiro. Alí farán a recepción aos nenos e nenas para atender todas as súas peticións. Ademais, haberá xogos, talleres e diferentes espectáculos de animación.