Mariñas Coruñesas luce a excelencia dos seus produtos agroalimentarios na xornada celebrada no Ceida este 25 de outubro

A Reserva suma xa na súa marca de calidade a 32 empresas agroalimentarias, 21 restaurantes, 9 aloxamentos e 11 firmas para visitas de agroturismo
O vicepresidente e alcalde de Paderne, César Longo, que abriu o evento, destacou a oportunidade de desenvolvemento que supón para a comarca

A excelencia dos produtos alimentarios da Reserva de Biofera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo foi o obxectivo da xornada de boas prácticas organizada este 25 de outubro polo Ceida no Castelo de Santa Cruz. Alí quedou plasmado o potencial do territorio, coa participación de responsables de tódolos ámbitos presentes na marca de calidade.
O vicepresidente da Reserva, César Longo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e o director do Ceida, Carlos Vales, abriron o evento. O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, efectuou a clausura, con Carlos Vales.
César Longo fixo especial fincapé na “oportunidade de desenvolvemento” que supón a distinción para o territorio, agradecendo o traballo inconmensurable de tódolos emprendedores. “Poder consumir nun restaurante os alimentos dos produtores ou propoñer unha experiencia turística que combine tanto esa parte vivencial como a visita do noso patrimonio son pasos moi importantes”, expresou.
Neste sentido, a xornada serviu para a presentación da primeira Ruta Agroalimentaria das Mariñas. Poderase disfrutar dela en Paderne. Conxuga a visita a produtores como Seitura, Cagiao, Orballo ou Adegas Beade, co descubrimento de elementos patrimoniais do municipio e unha comida a base dun menú da Biosfera.
Logo, os emprendedores adheridos á Marca foron os protagonistas. Lolo Mosteiro, presidente da Asociación de Ecoturismo da Reserva, e chef de Artesa da Moza Crecha, contou os resultados de poñer en marcha os menús da Biosfera.
Posteriormente interviñeron responsables de Seitura, que produce comida ecolóxica e sostible; Queixos Cagiao, con catro xeracións dedicadas á cría de gando; Adega Beade, impulsando o branco lexítimo; 77 Turismo de Betanzos, axencia que crea un produto turístico local; ou Viaxes Alumar, que está comercializando experiencias na Reserva. Todos son exemplo das vantaxes e posibilidades da biosfera coruñesa.
Son 32 as empresas agroalimentarias, 21 os restaurantes, 9 os aloxamentos e 11 as empresas para realizar visitas de agroturismo que están adheridos á Marca de calidade. E estanse formando a 65 empresas turísticas que se queren certificar.