MARIÑAS CORUÑESAS NOMEA AOS SEUS PRIMEIROS EMBAIXADORES DE BOA VONTADE DA RESERVA BIOSFERA
Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo outorgou, o día 9 de maio, os primeiros recoñecementos de Embaixadores de Boa Vontade da Reserva de Biosfera. Trátase dunha distinción para persoas de recoñecido prestixio que comparten un compromiso común de defender e difundir os valores da declaración da Unesco.
Seis foron as persoas ás que Mariñas Coruñesas outorgou esta cualificación: Antonio San Blas, ex-xestor da Reserva de Biosfera de La Palma; Francisco Cantos, secretario do programa MaB España; Pablo Ramil, secretario do Consello Científico do programa MaB España; José Cassandra, ex-presidente do Goberno da Reserva de Biosfera Illa do Príncipe; Sergio Guevara, presidente de Iberomab; e Carlos Vales, director do Ceida.
Todos eles demostraron a súa implicación con Mariñas Coruñesas e por elo reciben o título de Embaixadores. Coa aceptación do recoñecemento, aceptan seguir ampliando o traballo da Reserva co seu talento e o seu status.
O Presidente da Reserva e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e o Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo, entregaron as distincións durante a reunión da xunta directiva que tivo lugar na sede da entidade, en Mabegondo. Ramil, Cantos e Vales puideron acudir a recoller o título.
Tamén, e no mesmo acto, a propietaria de A Castrexa, Paula Patiño, recibiu o recoñecemento outorgado por Parques Nacionais como empresa da marca da Reserva de Biosfera.