MARIÑAS CORUÑESAS OBTÉN O PREMIO AGADER POLA SÚA PROMOCIÓN DO RURAL COMO DESTINO TURÍSTICO

A xestión turística do territorio distingue á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Apenas dous anos despois de recibir a encomenda da Xunta de Galicia para asumir o xeodestino, a entidade logra o Premio Agader na categoría de Turismo.

O 24 de setembro deuse a coñecer o fallo do xurado e realizouse a entrega das distincións. Foi no Pazo de Treilán, en Sarria. Ata alí acudiron o Presidente, José Antonio Santiso, e o Vicepresidente, César Longo, xunto con representantes das empresas adheridas á marca.

Os premios Agader recoñecen iniciativas destacables na promoción do rural galego, en tódolos ámbitos. A Reserva coruñesa presentou a súa candidatura na categoría de Turismo, logrando a distinción, que leva aparellada unha aportación económica de 

Para obter o premio, Mariñas Coruñesas expuxo os notables avances no impulso do xeodestino turístico obtidos ata agora. O territorio é o primeiro destino certificado de Ecoturismo en Galicia. Aposta por un modelo que conxuga o patrimonio natural e cultural coas experiencias vinculadas aos emprendedores do territorio, xerando riqueza e progreso.

“Esta distinción recóllena hoxe as 126 entidades, desde as asociacións de tódolos ámbitos ata os concellos, que forma parte do noso grupo, por unha forma de traballar unindo intereses, e onde o nexo común é o territorio” expresou Santiso. O presidente falou dos produtores, restauradores e demais emprendedores como “o motor para o nacemento deste modelo turístico” e agradeceulles o traballo que propiciou este premio.

Son 31 as empresas agroalimentarias, 21 os restaurantes, 9 os aloxamentos e 11 as empresas para realizar visitas de agroturismo que están adheridas á marca de calidade. O presidente fixo fincapé na alegría de recibir esta distinción pola mellora do rural “o noso maior tesouro e que merece todo o esforzo”. Porque o turismo tamén é unha “ferramenta para promover o emprendemento, para traballar pola paisaxe, para recuperar a nosa historia e o noso patrimonio”

Santiso agradeceu ao conselleiro de Medio Rural o apoio aos GDR e apuntou ao agroturismo como aposta para os próximos anos.