Xeografia


Praias:A Xurela, A da Abeleira

 

“A Xurela”, praia situada no lugar de Insua, pertencente á parroquia de Viñas, é unha pequena cala á que se accede por unha pista que discorre por detrás do hostal Brisa situada en plena desembocadura da ría e desde a que se divisan tanto Sada como a praia pequena de Miño e a entrada da ría de Ferrol. Praia moi abrigosa e tranquila na que antes se recollía moito berberecho, longueirón, mexillón, mincha e en menor cantidade ameixa. Nela entraba moito xurelo de aí o seu nome; as xentes cargaban unhas algas ás que denominaban marmulo para abona-las leiras e utilizar tamén como remedio para algunhas doenzas.

“A Abeleira”, á que se accede por Ponte do Porco, está situada na desembocadura do río Lambre e queda unida á anterior cando está a marea baixa converténdose nun paseo moi agradable para as persoas que acoden a elas. Nesta pequena praia ata os anos 50 do século pasado aínda se construían pequenas embarcacións para as xentes da comarca que vivían do mar. A ela tamén acudían a buscar auga e a lava-la roupa a unha pequena fonte que aínda se conserva.

 

 

© 2013 Concello de Paderne