A Ponte de O Pedrido

Ata a súa construcción os días de mercado en Sada os veciños de San Pantaleón das Viñas levaban os productos para a venda dun lado o outro da ría, nunha barcaza que xa estaba preparada pagando un real por persoa en concepto de pasaxe.

Esta obra de inxenería marcou un fito na vida das xentes da nosa comarca, tanto polo que supuxo en canto a comunicacións como polos avances que se empregaron na súa construcción.

O primeiro proxecto sobre a ponte foi elaborado polo enxeñeiro de camiños Luciano Yordi. Do mesmo a penas sabemos máis que ía levar unha altura duns 13 metros sobre a ría. As tarefas de execución foron comezadas paralizándose logo polas protestas dos veciños.

César Villalba Granda faríase cargo de elaborar un novo proxecto no ano 1928. Tardarían cinco anos en comeza-las obras. A construcción da liña de ferrocarril Zamora-A Coruña neses mesmos anos ía a restar atención á ponte.

Primeiramente fíxose cargo unha empresa, parece ser que vasca, pola cantidade de 1.406.999,81 ptas., e foi substituída no ano 35 por outra de orixe italiano, empresa esta que tivo que asumi-los erros cometidos pola anterior. Fíxose obrigado o reforzamento dunha das pilastras centrais afondando pilotes e ancheando a base e, por ende, houbo que destruí-lo arco inmediato para levantalo de novo.

Xa no ano 1936 estaba disposta a armadura metálica para ser colocada no tramo central, máis o estalido da Guerra Civil ía supor o abandono dos traballos.

Cando foron retomadas as tarefas no ano 40, foi necesario cambiar a antiga armadura por outra nova de perfís laminados. Os traballos contaban ser acabados nese mesmo ano, sen embargo o estado estaba volcado na reconstrucción das pontes catalanas destruídas na Guerra polo que se atrasou a obra ata o ano 43.

Inaugurouse o 16 de abril de 1943 facilitando así a comunicación entre as marxes da ría ata daquela unida mediante un servicio de pasaxe, actividade que tamén bautizaba a esta ponte.

Finalmente deseñada por Eduardo Torroja Miret, nacido en Madrid o 27 de agosto de 1899 e morto o 15 de xuño de 1961 mentres traballaba no Instituto Técnico da Construcción e o Cemento; fillo de Eduardo Torroja Caballé, arquitecto e doutor en Ciencias, cunha extensa publicación en matemáticas e xeometría e gran divulgador destas materias nas correntes de ensinanza que se deron en España a principios de século como reflexo dos novos movementos europeos.

Foi un dos grandes enxeñeiros do seu tempo. Na maioría das súas obras foi un gran renovador aplicando ás estructuras arquitectónicas o formigón armado. Unha das principais características constructivas deste arquitecto obsérvase na conxugación das técnicas máis avanzadas co emprego do formigón armado xunto cunhas formas revolucionarias nunca utilizadas ata ese momento.

“O tramo central da ponte conta cunhas dimensións de 75 m e sobre el está proxectado un arco atirantado de formigón armado de 12,5 m de frecha con dúas articulacións e taboleiro inferior suspendido mediante péndolas espaciadas a 3,65 m.

O taboleiro proxéctase como un forxado continuo de 3,65 m de luz, excepto os dous extremos de 2,83 m, apoiando sobre viguetas transversais de 7 m de luz suspendidas sobre os seus extremos das péndolas do arco.

O arco está constituído por dous nervios principais de canto variable entre 1,10 m nos arranques e 1,70 m na clave, con un ancho uniforme de 1,20 m. O arriostramento entre ambos nervios principais consiste nunhas montantes de 60x60 cm cada 10,95 m coincidindo cos eixes das péndolas.

A armadura principal do arco proxéctase de perfís laminados soldados electricamente e estudiada para permitir o lanzamento do arco nas súas dúas metades desde cada extremo e unha vez unidas ambas partes na clave e colocado o tirante, permitir o formigonado do arco en tres roscas.

As péndolas móntanse antes de formigona-lo arco e, unha vez formigonado, suspéndense delas as viguetas transversais, formigonadas en taller e dispostas para recibi-lo encofrado dos forxados.

O tirante proxéctase formado por ferros cadrados, soldados electricamente nos seus empalmes agrupados dentro do espesor dos andeis.

A unión do tirante e o arco faise rixidamente, posto que a elasticidades do taboleiro é suficiente para permitir o libre xogo do arco nos seus extremos.

As articulacións dos apoios proxéctanse unha fixa e outra móbil mediante rótulas de formigón armado.”

© 2013 Concello de Paderne