PLAN FORMATIVO PARA OS RESTAURANTES ADHERIDOS Á MARCA DE CALIDADE

Os restaurantes da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo contaron, este día 15 de novembro, cunha formación presencial impartida na Rectoral de Cines, polo cociñeiro galego gañador de dúas estrelas Michelín e o premio Estrella Verde pola súa conciencia sostible, Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau.

O obxectivo desta formación, é o de mellorar a competitividade dos establecementos adheridos á Marca de Calidade da Reserva e consolidala como destino gastronómico de primeiro nivel baseándose na utilización de produtos agroalimentarios locais de calidade sobresaínte.
Así, no taller, mostráronse novas técnicas para o tratamento na cociña destes produtos locais, métodos como a cociña a baixa temperatura, os menús km0, a economía circular ou as técnicas de conservación e rexeneración de alimentos coa idea de que se poidan poñer en práctica nos establecementos locais.

Ademais do apartado presencial, a formación compleméntase con titorías personalizadas con Javier Olleros e o seu equipo, mediante unha plataforma telemática na que tamén poderán consultar os contidos impartidos, o recetario e un vídeo da formación.

Segundo explicou o Vicepresidente e Alcalde de Paderne, César Longo, presente no acto, este taller enmárcase non plan formativo que a Reserva de Biosfera ten deseñado para os responsables de cociña dos locais adheridos á Marca de Calidade e cofinanciado pola Xunta.

Á apertura acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o Presidente da Reserva, José Antonio Santiso, o Vicepresidente, César Longo, e o alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González.