PAZO DE MONTECELO, EN VIÑAS

Situado no lugar de Montecelo, parroquia de San Pantaleón das Viñas..

Fíxose este pazo fronte á igrexa románica no medio dunha paisaxe de arboredas, prados e labradíos.

A fachada, sinxela e severa, cun torreón lateral que a penas excede o aleiro do edificio, presenta como único detalle decorativo un ben labrado escudo, cobixado por manto e coroa como indicativo de grandeza de España ou de elevada dignidade do goberno ou da milicia que, ó menos no que se sabe, non debe corresponder a ningún dos señores desta casa. Estes signos estarían relacionados con algunha propiedade de Don Pedro de Aldao Barbeito, Mestre de Campo dos Exércitos de Sicilia e de Cataluña e electo Virrey de Navarra, directamente emparentado cos Bermúdez de Castro da Casa de Gondar, ou ben co sobriño deste personaxe, chamado así mesmo Pedro de Aldao, Mestre de Campo, Gobernador de Henault e Xefe do Tercio de Valladares..

No escudo, profusamente cuartelado, advírtense os escaques de Bermúdez, as cinco lises de Aldao, a banda engolada de dragantes de Andrade, a ponte de Ponte e outras insignias. Ningunha delas parece corresponder ós Fajardo, Somoza, Alfeirán e Posada que antigamente posuíron a casa o o blasón que recorda ós presuntos fundadores e ó de Andrade.

O primeiro señor coñecido desta casa é Don Fernando Fajardo de Andrade, casado con Dona Felipa Somoza e Alfeirán, que vivía en 1683. Este matrimonio uniu a San Pantaleón das Viñas propiedades como a Torre de Silán e o Pazo da Misericordia, os dous nas proximidades de Viveiro. A súa filla, Dona Gertrudis, casou co seu parente Don Juan Antonio Bermúdez Fajardo de Andrade, dono da ilustre Casa de Gondar, nas inmediacións de Pontevedra, fillo de Don Antonio Bermúdez de Castro e Aldao e de Dona María Fajardo de Andrade.

Do matrimonio de Don Antonio e Dona Gertrudis naceu Don Diego Luis Bermúdez de Castro e Andrade dono, entre outros señoríos e xurisdiccións, do de San Pantaleón das Viñas, onde está encravado o Pazo de Montecelo. Casouse con Dona María Taboada Mariño Proaño Rojas que aportou o señorío de Lamas de Rañestres. Ós dous herdáronlles sucesivamente os seus fillos Don José Antonio, que morreu sen descendentes, e Don Gaspar José Bermúdez de Castro e Taboada que se cruzou como Cabaleiro de Malta en 1736 e titulábase Señor de Gondar, San Pantaleón das Viñas, Silán, Torre de Calvos, Misericordia, Xeve, Berducido, Gaxato, Refringos, Fragoso, Lamas de Rañestres, Codesido e da Casa del Bao. Este personaxe, que enriqueceu notablemente o Santuario da Misericordia, casou con Dona María dos Dolores Pardo Vaamonde Quiroga, de ilustre liñaxe lucense e os dous foron pais de Don Xosé Bermúdez de Castro e Pardo, que ingresou na Orden de Malta e na Maestranza de Ronda.

Fillo seu foi Don Francisco Bermúdez de Castro, que lle sucedeu en tódolos seus dominios e regalías e que ó casar con Dona Aurelia Suárez de Deza e Tineo, mayorazga dos señoríos de seus pais Don Apolinar Suárez de Deza Caamaño Yebra e Pardo, e Dona María Josefa Raimunda de Tineo e Vigo, donos de moitas propiedades en toda Galicia, pasou a ser un dos maiores potentados do antigo reino.

O seu fillo primoxénito, Don Gerardo, que morreu solteiro, legou a casa de Láncara e a de Mariñán, en Bergondo, á Deputación Provincial de A Coruña.

O fillo segundo, Don Ricardo Bermúdez de Castro e Suárez de Deza, casou con Dona Amparo Navia Osorio da familia dos Marqueses de Ferreras e de Santa Cruz de Marcenado, a cal, ó quedarse viúva e sen fillos, legou o Pazo de Montecelo, Herdado do seu esposo, á súa sobriña Dona Amparo Quiroga Navia Osorio, casada con Don Jorge Quiroga García do Hoyo.

A filla deste último matrimonio, Dona Amparo, muller de Don Gonzalo de Vargas Fernández de Córdoba, doouno non fai moito a unha institución relixiosa que celebra uns cursos ou retiros espirituais no vello caserón, hoxe restaurado.

PAZO DE PORTO, EN VIÑAS

Situado no lugar de Porto, parroquia de San Pantaleón das Viñas, data do século XVII.

De volume sinxelo e de planta rectangular disposta en dúas plantas e dous semiplanos, está situado nun núcleo de vivendas de carácter popular.

A fachada principal conta coa entrada central que marca un eixe de simetría que distribúe os vans. Nun lateral unha escaleira con varanda de pedra, cun tramo parella á fachada e descarga no andar superior nun sinxelo patín.

 

A fachada posterior remátase cunha balconada que percorre toda a fachada sostida sobre catro canrrozos graníticos de gran tamaño; cérrase con balaústres ben labrados en pedra e máis os piares que sosteñen a cuberta do mesmo material.

Os muros quedan recebados co cemento á vista no que se debuxaron as rachas semellando a pedra. Os vans quedan con perpiaños á vista. A cuberta é a catro augas con tella curva.

Un escudo de armas aparece nun lateral, labrado en pedra e embutido no cemento do muro, representando unha cruz e dúas vieiras.

Está en ruínas.


© 2013 Concello de Paderne