Patrimonio histórico/artístico

patrimonio

IGREXAS

Igrexa de Santiago de Adragonte

É unha igrexa de estilo barroco do século XIX. A súa estrutura arquitectónica é de planta rectangular cunha soa nave e un pequeno corpo engadido que fai a función de sancristía. Os muros son de carga e sobre eles asenta unha cuberta a dúas augas na nave central, catro no presbiterio e tres no corpo correspondente á sancristía, todas elas con cubrición de tella nova.

A decoración exterior do edificio concéntranse na fachada principal. No eixe vertical central desta superpóñense unha porta con decoración de orelleiras e unha ventá rectangular, pechando o conxunto unha espadana de tres corpos. As dimensións desta última son superiores ás que posúe o conxunto do edificio. O primeiro corpo da espadana está formado por tres machóns que dan lugar ós dous ocos onde se sitúan as campás, mentres que o segundo e mailo terceiro corpo carecen de funcionalidade e a súa presencia é fundamentalmente ornamental.

Igrexa de San Xoán de Paderne

Situada no lugar de Paderne, pertencente a parroquia de San Xoán de Paderne; é de estilo barroco.

O templo atópase no centro de Paderne, e rodeado dun muro de pedra que acolle tamén ó cemiterio parroquial.

Os muros da única nave son de carga e a cuberta é a dúas augas con cubrición de tella curva.

O interior da igrexa presenta unha extrema sobriedade, tanto na decoración coma nos seus elementos arquitectónicos. A sancristía está situada detrás do altar maior separada deste a través dun muro.

En canto ó exterior, o edificio é de gran sinxeleza e sobriedade, podendo observarse na súa composición as posibles e sucesivas modificacións que se fixeron a través do tempo. A decoración concéntrase na fachada principal que presenta sobre un eixo central vertical a porta adinteada e, rompendo a cornisa, unha espadana de dous ocos rematada por pináculos.

O acceso á espadana efectúase a través dunha escaleira que arrinca do coro e o seu último tramo discorre polo penal da cuberta.

Igrexa de Santo Estevo de Quintas

Está situada no lugar de Quintas, parroquia de Santo Estevo de Quintas.

Está situada no lugar de Quintas, parroquia de Santo Estevo de Quintas. É un templo de planta rectangular con diversas irregularidades, na que se inscriben unha soa nave, presbiterio e sancristía. Os seus muros son de carga e a cuberta é a dúas augas con estrutura de madeira e cubrición de tella plana. O pavimento é de pedra.

O templo sufriu ó longo da súa historia diversas modificacións que son claramente visibles nos seus muros.

O edificio presenta ó exterior unha volumetría irregular debido as alteracións producidas polos engadidos e variacións nas alturas. Nos muros laterais ábrense pequenos ocos abucinados que proporcionan ó interior unha tenue luz natural. Ten unha espadana dun corpo composto por tres machóns que dan lugar a dous ocos rematados en arcos semicirculares onde se sitúan as campás. Na súa cornixa aséntanse tres pináculos que xogan simetricamente cos pináculos situados nos dous vértices laterais do muro da fachada.

Igrexa de San Xoán de Vilamourel

Está situada na parroquia de Vilamourel, freguesía anexa de San Xoán de Paderne que engloba os lugares de Altamira, Batán, Calzada, Medín e Teixeiro.

O seu nome posiblemente veña da unión da palabra latina “Villa”, que designaba unha finca rural ou casa de campo, e de “Moure”, “Mourel” ou “Mourelo”, que sería un nome de persoa.

A igrexa responde á tipoloxía dos templos románicos da zona das Mariñas, cunha soa nave de forma rectangular cuberta de madeira e un ábside abovedado no interior.

No exterior a estrutura está reforzada por contrafortes prismáticos nunha boa parte da nave e o ábside. As portas laterais son de carácter sinxelo, estreitas e con tímpano liso. Complementando o conxunto podemos observar a presencia de xanelas aspilleradas ou canzorros de traza sinxela, sen decoración, tanto na nave como no ábside.

Un dato interesante é o da torre que había neste lugar que, segundo Portela Pazos, foi destruída nas Revoltas Irmandiñas. No século XVII era coñecida como a Torre de Maceda, da que aínda queda constancia por un plano realizado por un crego de Pontedeume (Soraluce, 1984).

Hai que resaltar a presencia de dúas antefixas de tipoloxía románica, unha delas (a do testeiro da nave) descansa enriba dun touro, aínda que do animal unicamente está esculpida a cabeza.

A sancristía, parte dos muros e a fachada, son froito dunha reforma moderna, posiblemente de finais do século XVIII ou primeiros anos do XIX. A fachada presenta gran semellanza coa de Verís, con espadana barroca e unha hornacina enriba da porta, onde hai anos estaba a imaxe de San Xoán Evanxelista.

A bóveda da capela maior así como os dous arcos de sustentación son apuntados con semicolumnas pegadas e sinxelos capiteis.

Igrexa-de-Vilamourel.jpg

Igrexa de San Salvador de Velouzás

Situada no lugar do Adro, na parroquia de San Salvador de Velouzás. É de estilo románico-gótico.

Trátase dun edificio de planta rectangular cunha soa nave. O seus muros realizados en perpiaños de estereotomía irregular son de carga e a cuberta presenta dúas augas cunha cubrición de tella curva. Interiormente o espazo da nave ven delimitado por un arco triunfal que dá paso a un presbiterio rectangular desde o que se pode acceder ó corpo que funciona como sancristía de reducidas dimensións.

O edificio transluce cara ó exterior a mesma sobriedade e sinxeleza de formas que se atopan entre os seus muros, de forma que a práctica totalidade da decoración se sitúa na fachada principal. Esta presenta unha porta composta por dous arcos de medio punto apoiados en pequenas columnas acubilladas nas xambas. Os capiteis destas últimas posúen unha sinxela decoración do mesmo xeito que as mochetas sobre as que descansa o tímpano liso ó que dan lugar. Sobre a porta sitúase un pequeno oco circular, que dá paso tras unha ruptura de cornixa a unha base rectangular que sostén unha espadana de dous ocos e rematada en pináculos, elemento que, polo seu carácter posterior, pon unha nota discordante no conxunto.

Igrexa de San Pantaleón das Viñas

Está situada no lugar de Montecelo parroquia de San Pantaleón das Viñas. É de estilo románico do século XII.

O templo presenta dúas partes ben diferenciadas: unha primeira (portada e dous tercios dos muros da nave) correspondente á construción orixinal de fin do século XII, e unha segunda: o ábside, tercio da nave que se comunica con este, e pequeno corpo apegado ó muro meridional correspondente á ampliación que se fixo en épocas moi posteriores.

Interiormente o edificio carece de arco triunfal diferenciándose os espazos da nave e o ábside por medio da altura deste último que se salva por medio de dous chanzos de pedra. A nave posúe unha estrutura de madeira semi-abovedada que se interrompe no presbiterio. A iluminación interior provén de tres ventás seteiras situadas en cada un dos muros laterais da nave, xunto con outras de maior tamaño que se abren no ábside e un rosetón situado na portada.

En canto á ornamentación, o altar maior presenta un sinxelo retablo de características neoclásicas presidido por San Antón mentres que dous pequenos e sinxelos retablos ocupan os últimos treitos dos muros laterais da nave.

Igrexa de Santa María de Souto

Igrexa de estilo barroco do século XII de orixe románica situada no lugar de Souto, parroquia de Santa María de Souto. A Igrexa está situada nunha área rural ó pé dunha ladeira.

O edificio posúe unha planta rectangular cunha soa nave e dúas pequenas capelas laterais de diferentes proporcións. No muro setentrional, na parte correspondente ó presbiterio, engadíuselle un corpo cuadrangular que funciona como sancristía. Os muros son de carga e a cuberta é a dúas augas con cubrición de tella curva. De tempo máis recente ó da súa edificación son unha porta lateral e unha pequena ventá inspirada no románico de dous ocos e acubillada por un arco de medio punto. O exterior presenta a sobriedade característica destes templos rurais nos que a función prevalece por riba das consideracións puramente estéticas ocupando a simplicidade e un velado xogo de simetrías o lugar principal. A todo isto hai que engadi-lo xogo volumétrico que propicia a relevancia que os distintos corpos teñen ó exterior.

Os seus muros parecen revocados e branqueados, con excepción de esquinais e recercado de ocos, así como a fachada principal, que mostra cantería vista. Esta última concentra a escasa ornamentación do edificio, situándose nun imaxinario eixe vertical que pasa polo vértice da cornixa á porta de entrada, rectangular e aliñada. O campanario resólvese nunca espadana formada por dous corpos, posuíndo o primeiro deles tres machóns que dan lugar ós dous ocos onde se atopan as campás, mentres que o segundo presenta un pequeno oco circular central e unha cornixa semicircular, lixeiramente rebaixada, rematada en pináculos.

A pesar de ter unha base estrutural románica, Santa María de Souto case non conserva restos do século XII debido á transformación completa que sufriu no ano 1813, de aí que a datación do edificio tan só sexa posible a través do arco triunfal de acceso ó ábside; dito arco, lixeiramente apuntado, está apoiado sobre dúas semi-columnas apegadas de fuste monolítico, groso ábaco e bases dóricas talladas. Os seus capiteis son os únicos elementos que posúen certo interese; o da dereita ten gravadas follas de ruda talla, mentres que no da esquerda se presenta un baixorrelevo dun xabaril.

Igrexa de San Andrés de Obre

Situada en Obre, igrexa de estilo románico do século XII e XIII, reformada en 1854.

Os muros do templo son de carga, de cantería de granito e a cuberta de dúas augas feita en madeira con cuberta de tella curva. A fábrica do edificio pasou por diferentes etapas, que se aprecian nas variacións do grosor que presentan os seus muros, xunto coas sensibles desviacións deste. No seu conxunto, resulta difícil aprecia-lo primeiro edificio románico do século XII, debido a que a reconstrución que se fixo da igrexa no ano 1854 ocultou as súas principais características primixenias.

A existencia de molduras en forma de contraforte no muro sur, fan supor que polo menos esta parte pertence á construción orixinal; molduras que, por unha banda son semellantes as que aparecen na parte superior de San Xoán de Caaveiro.

O acceso á espadana efectúase desde o interior do templo; mediante unha escaleira de madeira, que conduce a outra de pedra xa descuberta. Como antepeito desta escaleira exterior utilizouse o tímpano de San Andrés procedente do edificio románico orixinal.

Igrexa de San Xulián de Vigo

 




 

CAPELAS

Capela de Donín

Situada no lugar de Donín, na parroquia de Vigo; está en bo estado pero non está en uso; leva pechada uns 20 anos e anteriormente só se abría unha vez ó ano polo “Consuelo”; santa á que está dedicada a capela.

É un sinxelo exemplar do románico rural galego; de propiedade privada, a parcela na que se atopa está pechada cun muro de pedra todo arredor.

A cuberta é de dúas augas de lousa; no cumio ten unha espadana dun oco cunha soa campá. O interior é de terra con táboas e ten un altar pequeno dedicado a Santa Consuelo.

Perfil de ruta

Capela de San Mamede

Está no lugar da Hermida, parroquia de San Xulián de Vigo. É unha capela de pequenas dimensións. Consta dunha nave con cuberta a dúas augas e tella curva.

Destaca no seu cumio unha cruz sinxela e unha espadana dun oco, cunha soa campá. É un sinxelo exemplar do románico rural galego.

Capela de Esperela

A Capela de Esperela está adscrita á parroquia de San Xulián de Vigo.

Non aparece mencionada en ningún escrito antigo, aínda que si aparece a freguesía de Esperela en documentos medievais como nunha carta de dote do ano 1037 do libro “Tumbo de Sobrado” é como unha das peticionarias para a concesión do privilexio de fundación da Vila de Pontedeume, polo rei Alfonso X no 1270.

Está dedicada a Santa Mariña, santa galega que parece ser era de Xinzo de Limia, que se ten por avogosa dos oídos.

É un sinxelo exemplar do románico rural galego, dunha nave e un ábside rectangular máis baixo que a nave, cubertas con armadura de madeira a dúas augas con canzorros.

O arco de ingreso á capela maior, de perfil rectangular, presenta un lixeiro apuntamento. Ós pés da nave hai unha tribuna de madeira.

As dúas portas son de feitura arcaica con dintel monolítico, coa peculiaridade de ter enriba un arco de medio punto que semella de carácter ornamental. A espadana é de tipo barroco como case tódalas igrexas do contorno.

Destacan no seu cumio dúas cruces, unha enriba dun pelouro coroando a sancristía e outra encerrada nun círculo sobre a cabeza dun animal, que semella ser un touro, situada enriba do testeiro da nave. A figura do touro nas cruces cumiais aparece con bastante frecuencia na comarca como é o caso da Igrexa Parroquial de Mondoi, Porzomillos, Vilamourel ou unha Capela de San Cosme de Mántaras.

A igrexa está orientada coa cabeceira apuntando ó leste, simbolizando o camiño cara a salvación, pois segundo di o Xénese é no leste onde se atopa o Paraíso. Os anchos muros e a carencia de vanos buscan unha atmosfera de misterio e recollemento no interior característica do románico

Perfil de ruta

PONTES

Ponte de O Pedrido

Ata a súa construción os días de mercado en Sada os veciños de San Pantaleón das Viñas levaban os produtos para a venda dun lado o outro da ría, nunha barcaza que xa estaba preparada pagando un real por persoa en concepto de pasaxe.

Esta obra de inxenería marcou un fito na vida das xentes da nosa comarca, tanto polo que supuxo en canto a comunicacións como polos avances que se empregaron na súa construción.

O primeiro proxecto sobre a ponte foi elaborado polo enxeñeiro de camiños Luciano Yordi. Do mesmo a penas sabemos máis que ía levar unha altura duns 13 metros sobre a ría. As tarefas de execución foron comezadas paralizándose logo polas protestas dos veciños.

César Villalba Granda faríase cargo de elaborar un novo proxecto no ano 1928. Tardarían cinco anos en comeza-las obras. A construción da liña de ferrocarril Zamora-A Coruña neses mesmos anos ía a restar atención á ponte.

Primeiramente fíxose cargo unha empresa, parece ser que vasca, pola cantidade de 1.406.999,81 ptas., e foi substituída no ano 35 por outra de orixe italiano, empresa esta que tivo que asumi-los erros cometidos pola anterior. Fíxose obrigado o reforzamento dunha das pilastras centrais afondando pilotes e ancheando a base e, por ende, houbo que destruí-lo arco inmediato para levantalo de novo.

Xa no ano 1936 estaba disposta a armadura metálica para ser colocada no tramo central, máis o estalido da Guerra Civil ía supor o abandono dos traballos.

Cando foron retomadas as tarefas no ano 40, foi necesario cambiar a antiga armadura por outra nova de perfís laminados. Os traballos contaban ser acabados nese mesmo ano, sen embargo o estado estaba volcado na reconstrución das pontes catalanas destruídas na Guerra polo que se atrasou a obra ata o ano 43.

Inaugurouse o 16 de abril de 1943 facilitando así a comunicación entre as marxes da ría ata daquela unida mediante un servicio de pasaxe, actividade que tamén bautizaba a esta ponte.

Finalmente deseñada por Eduardo Torroja Miret, nacido en Madrid o 27 de agosto de 1899 e morto o 15 de xuño de 1961 mentres traballaba no Instituto Técnico da Construción e o Cemento; fillo de Eduardo Torroja Caballé, arquitecto e doutor en Ciencias, cunha extensa publicación en matemáticas e xeometría e gran divulgador destas materias nas correntes de ensinanza que se deron en España a principios de século como reflexo dos novos movementos europeos.

Foi un dos grandes enxeñeiros do seu tempo. Na maioría das súas obras foi un gran renovador aplicando ás estruturas arquitectónicas o formigón armado. Unha das principais características construtivas deste arquitecto obsérvase na conxugación das técnicas máis avanzadas co emprego do formigón armado xunto cunhas formas revolucionarias nunca utilizadas ata ese momento.

“O tramo central da ponte conta cunhas dimensións de 75 m e sobre el está proxectado un arco atirantado de formigón armado de 12,5 m de frecha con dúas articulacións e taboleiro inferior suspendido mediante péndolas espaciadas a 3,65 m.

O taboleiro proxéctase como un forxado continuo de 3,65 m de luz, excepto os dous extremos de 2,83 m, apoiando sobre viguetas transversais de 7 m de luz suspendidas sobre os seus extremos das péndolas do arco.

O arco está constituído por dous nervios principais de canto variable entre 1,10 m nos arranques e 1,70 m na clave, con un ancho uniforme de 1,20 m. O arriostramento entre ambos nervios principais consiste nunhas montantes de 60x60 cm cada 10,95 m coincidindo cos eixes das péndolas.

A armadura principal do arco proxéctase de perfís laminados soldados electricamente e estudiada para permitir o lanzamento do arco nas súas dúas metades desde cada extremo e unha vez unidas ambas partes na clave e colocado o tirante, permitir o formigonado do arco en tres roscas.

As péndolas móntanse antes de formigonar lo arco e, unha vez formigonado, suspéndense delas as viguetas transversais, formigonadas en taller e dispostas para recibi-lo encofrado dos forxados.

O tirante proxéctase formado por ferros cadrados, soldados electricamente nos seus empalmes agrupados dentro do espesor dos andeis.

A unión do tirante e o arco faise rixidamente, posto que a elasticidades do taboleiro é suficiente para permitir o libre xogo do arco nos seus extremos.

As articulacións dos apoios proxéctanse unha fixa e outra móbil mediante rótulas de formigón armado.”

Ponte de Lambre

Situada no lugar de Lambre, da parroquia de Viñas nun entorno de gran beleza e cerca dos famosos muíños de Misericordia.

Ponte oxival de estilo gótico do século XIV, foi unha das sete pontes que mandou construír Fernán Pérez de Andrade, O Bo, para establecer unhas boas comunicacións entre Pontedeume e Betanzos, cabeza dos seus feudos.

CRUCEIROS

Cruceiro de O Pazo

Situado na encrucillada do lugar de O Pazo, preto da igrexa parroquial de Santo Estevo de Quintas.

Cunha plataforma de catro gradas con forma cuadrangular, a máis baixa de pedra pizarrosa.

O pedestal ten forma prismática, aristas altas biseladas, forma cuadrangular-octogonal -cuadrangular.

Capitel amplo, pouco corrente e de forma cuadrangular. A parte baixa está decorada con curiosas cabezas unidas por un sogueado, co remate alto de molduras rectas.

A cruz ten unha sección cuadrangular adornada nos extremos con releves florenzados. No seu anverso ten un Cristo crucificado de talla corta e pegado ó madeiro con marcada anatomía, cabeza erguida, rechamante coroa e mans semiabertas. Os pés están apoiados no capitel. Ten un pano de pureza atado á esquerda. No seu reverso ten unha Virxe coa cabeza con forzado escorzo, cara de faccións distorsionadas, mans xuntas en oración e vestida cun manto.

Perfil de ruta

Cruceiro de Paderne

Está situado no lugar de O Cruceiro, na parroquia de San Xoán de Paderne.

A súa plataforma é moi alta. Ten catro gradas, as dúas superiores de granito e as inferiores de mampostería salvando o desnivel do terreo.

O seu pedestal ten dous corpos: o baixo ten forma cúbica e o alto moldurado e redondeado.

A columna comeza e remata en forma cuadrangular e no medio da sección está ochavada por rebaixe de aristas.

O capitel ten forma tronco-prismática invertida decorado con molduras rectas escalonadas.

A cruz é de pequeno tamaño de forma grega, caras lisas, paos completamente octogonais e espido de imaxes

Cruceiro de Santa María de Souto

A súa situación está no atrio-cemiterio da igrexa parroquial de Santa María de Souto.

A súa plataforma ten dúas gradas de forma cuadrangular. O pedestal ten forma cúbica e aristas altas biseladas.

A columna de forma cuadrangular-octogonal-cuadrangular con biselado de aristas en forma de frecha.

O capitel é amplo, ten forma tronco-prismática, de estilo neoclásico e con adornos de grecas estriadas nas caras. A cruz ten paos octogonais por lixeiro rebaixe de aristas, extremos potenzados.

No seu anverso ten un Cristo crucificado coas pernas moi flexionadas e pano anudado á dereita.

Polo reverso da cruz, podemos ver á Virxe dos Dolores, en actitude recollida coas mans sobre o peito, tocada de manto e túnica colocada sobre peana en forma de nube.

É unha obra actual, realizada en pedra moi branca e de grao fino.

Cruceiro de San Mamede ou da Hermida

Situado no camiño próximo á Hermida de San Mamede, parroquia de San Xulián de Vigo. Non ten plataforma, está colocado sobre o muro exterior dunha vivenda.

O pedestal ten forma prismática, cara alta redondeada. A columna ten sección octogonal, iniciada e rematada de forma cadrada. O capitel iniciado da forma da columna con remate alto de sobresaíntes molduras rectas.

A cruz ten paos octogonais por rebaixe de aristas con extremos florenzados.

No anverso ten un Cristo crucificado baixo pergamiño de INRI, talla de formas sinxelas, cabeza levantada, mans case abertas, pernas flexionadas, pano anudado á dereita.

No reverso está a Virxe das Dolores en actitude orante, cuberta de manto. Está colocada sobre unha peana redondeada.

Cruceiro da Picota

Situado na praza do lugar de A Picota na parroquia de San Xulián de Vigo.

A plataforma está composta por tres gradas cuadrangulares, a alta de bordes bocelados. O pedestal de orde toscazo, caras enmarcadas, garganta ou rañura cóncava no seu perímetro.

A columna iniciada cun amplo cadrado, pasa logo a ochavada por biselado de aristas e remata de novo cuadrangular.

O capitel iniciado da forma da columna, remate alto de esquema xónico con decoración de querubíns alados e volutas.

A cruz ten paos octogonais por rebaixe de arestas con extremos florenzados.

No anverso ten un Cristo crucificado baixo pergamiño de INRI, talla ampla de formas sinxelas, cabeza levantada, ampla melena, mans abertas, pernas flexionadas, pano anudado á dereita. No reverso, virxe con mans xuntas na oración, labra de pouco detalle, vestida con manto, túnica e unha especie de mandil.

Obra moi completa, datada no S.XVIII e en perfecto estado de conservación. Emprazamento chamativo, destacado e seguro.

Cruceiro da Esfarrapa

Situado na estrada de Paderne a Irixoa no cruce de A Esfarrapa, parroquia de Santiago de Adragonte.

Ten dúas amplas gradas de forma cuadrangular.O pedestal ten forma prismática, caras lisas, amplo remate de moldura de bocel. A columna é de curta altura, sección cadrada-octogonal-cadrada.

O capitel é de estilo neoclásico, iniciado da forma da columna con remate de sobresaíntes molduras rectas.

A cruz ten forma grega, sección octogonal, extremos florenzados e espida de imaxes. Obra moderna e en bo estado.

Cruceiro de Santiago de Adragonte

Situado fronte á igrexa parroquial de Santiago de Adragonte. Este cruceiro é obra do século XVIII, de formas barrocas e estilizadas.

A grada está practicamente enterrada no chan. O pedestal é sinxelo, forma prismática de caras lisas. A columna orixinal elegante e pouco corrente de forma salomónica con remate alto de collaríns circulares.

O capitel ten forma cuadrangular, a parte baixa decorada con querubíns alados nas caras e o remate alto de molduras rectas escalonadas.

A cruz artística e ben traballada, paos octogonais por rebaixe de aristas con extremos rematados en flor de azucena con botón central.

No anverso ten un Cristo crucificado moi ben esculpido, formas estilizadas e elegantes. Practicamente exento, cabeza levantada, ampla melena, anatomía marcada, mans abertas, pernas flexionadas e pano anoado á esquerda. No reverso, Virxe Dolorosa de harmoniosas formas, mans xuntas en oración, tocada de manto e adornada túnica, colocada sobre a peana en forma de nube.

Restaurado recentemente.

OUTROS

HOSPITAL DE GUENDE

Situado a máis dunha legua de Betanzos, segundo cita o P. Sarmiento na súa viaxe do ano 1745.

Daquela non quedaba do Hospital máis que os restos xa que o seu final acaeceu no ano 1720 redactándose un decreto polo cal remataba coas funcións que ata daquela viña desempeñando porque os herdeiros de Juan de Guende, posuidor destes bens, non cumprían coas obrigas que lles correspondían.

Emprazado no lugar de Chantada, da parroquia de Souto e fundado no ano 1345.

Juan de Guende, que habitaba en dito lugar; tiña a custodia, entre outros bens, dun Cáliz de estaño e Corporales da capela, segundo consta no libro de visitas de comezos do 1600 referente á igrexa parroquial de Santa María de Souto.

Juan de Guende tiña o deber de dar pousada ós pobres que quixesen apousentarse nese lugar, dicir misa e gardar tódolos bens da institución so pena de excomunión.

Estaban tan arraigadas estas costumes que, unha vez construída a Igrexa de Santa María de Souto, os feligreses continuaban asistindo á misa do hospital polo que se tomou a determinación de traslada-las figuras relixiosas do hospital á Igrexa.

Na propiedade do antigo Hospital existen agora un grupo de casas emprazadas dentro da ruta do Camiño Inglés ó seu paso polo lugar de Chantada.

POMBAL DE DONÍN

Atópase en fronte a capela de Donín, pertencente á parroquia de Vigo

Ó igual que esta última é de propiedade privada.





 

BALNEARIO DO BOCELO

Situado no Bocelo, na parroquia de Vilamourel, á beira do río Mandeo.

Antiga fonte e balneario de augas sulfurosas,os dous edificios do balneario, datan deste século, e hoxe están en estado ruinoso; a fonte aínda existe da que seguen bebendo algúns veciños.

Os dous edificios de planta rectangular con dous pisos. Un deles está pegado ó manancial onde se atopa a fonte á intemperie con tres pequenos pilóns de pedra, un semella ser un pequeno alxibe e os outros dous pías para lavarse ó que se descende por unhas escaleiras de pedra. No interior aínda se poden ve-las bañeiras e unha caldeira de ferro onde se quentaba a auga para os baños, facendo lume debaixo. No outro edificio, máis grande, non quedan restos, polo que podería ser destinado a dar pousada á xente que alí acudía a cura-las súas doenzas.

O caudal da fonte é pequeno e a temperatura fría. As augas presentan un lixeiro sabor a ovos podres; escorren por un cano que alguén colocou recentemente sobre un boquete que se abre no muro ata a mina. Tanto o cano como a pedra sobre a que van caer están tinxidos de po branco característico do xofre.

O balneario foi moi concorrido nos anos 30, pero un incendio debastouno na década dos corenta quedando sumido no esquecemento. As augas usábanse en bebida para tratamento do fígado e en baños para o reuma e a pel.

Forma parte dun dos roteiros do Concello.

SARTEGO DE SANTIAGO DE ADRAGONTE

Atópase na parte de atrás da Igrexa parroquial de Santiago de Adragonte; é un sepulcro ou sartego de tipo antropoide (de figura humana) anterior ó século XIII.

Estes sartegos aparecen vinculados ás igrexas case todas elas de orixe remoto, ou neste caso, ligada a unha construción “moderna”, que seguro foi emprazada no lugar doutra igrexa máis antiga.

O Sartego de Adragonte, representa en moitos aspectos, un caso singular dentro do estilo destes sepulcros antropomorfos, como é a súa forma redondeada e a sinxela decoración que aparece na tapa, resultado por outro lado, dun traballo esmerado na súa realización. Estas características, fannos pensar que a ubicación nun primeiro momento sería seguramente nun sitio relevante do interior da igrexa. Séguese por outro lado unha fidelidade ás formas dun ser determinado, que nos leva a pensar que non foi realizado con motivo dunha moda, senón que o sartego ten algo de “persoal”, coma se nel se incrustara unha forma humana coñecida, é dicir, como se fose a pegada exacta e completa dun ser que nunca vimos, pero que claramente adiviñamos.

Todas estas características fan del unha peza importante no patrimonio cultural de Galicia.