Paderne reforza a súa aposta polo transporte de viaxeiros no concello cun investimento de máis de 100.000 euros
- O Concello adxudica o novo contrato para os vindeiros 20 meses, coa posibilidade de amplialo un ano máis, a pesares de que só os municipios de máis de 50.000 habitantes teñen obriga de prestar este servizo
- O executivo local dota así á veciñanza de conexión co centro de saúde, a Casa Consistorial e a Escola Infantil de Areas
- Manteranse os horarios e os percorridos que xa se veñen realizando de xeito habitual
O Concello de Paderne reforza a súa aposta polos servizos á veciñanza. A mesa de contratación local vén de dar o visto bo para adxudicación da contratación do servizo de transporte de viaxeiros na contorna intermunicipal.
O obxectivo non é outro que mellorar a actual oferta de transporte público que pasa polo municipio, xa que Paderne carece de taxi. Ademais, polo seu territorio tan só transcorren liñas de autobús do Plan de Transportes de Galicia que non conectan coa capital municipal nin coas principais instalacións municipais.
Deste xeito, tras o anuncio de licitación, foron dúas as empresas que se presentaron para un contrato de 20 meses fixos e unha posible prórroga de 12 meses máis.
Finalmente, foi proposta a adxudicación da contratación a Autos Carballo SL -empresa con maior puntuación- por un importe total de 106.664,80 euros polos vindeiros 20 meses, que podería elevarse aos 170.663,68 no caso de que se executase a prórroga ata os 32 meses.
A nova empresa adxudicataria manterá os horarios e os percorridos que xa se veñen realizando de xeito habitual.
Así, o Concello de Paderne levará a cabo este importante investimento co obxectivo de garantir que os veciños e veciñas da localidade teñan a posibilidade de acceder aos puntos chave do municipio como o centro de saúde, a Casa Consistorial e a Escola Infantil de Areas. E todo a pesares de que a posta en marcha de este servizo de transporte de viaxeiros non é obrigado para municipios de máis de 50.000 habitantes, segundo a Ley reguladora de las Bases del Régimen Local.
“Entendemos que este esforzo para as arcas municipais está máis que xustificado. Este equipo de goberno ten moi claro que os servizos públicos deben ser unha prioridade para que os nosos veciños e veciñas poidan dispoñer de facilidades no noso municipio, que está condicionado pola dispersión”, apunta o alcalde da localidade, Sergio Platas.