CAMIÑO INGLES

Ó noso Paraíso entre ríos correspóndenlle 5 ½ km do Camiño Inglés que comeza en Ferrol e remata como todos, na Catedral de Santiago.

Contamos con referencias históricas do século XII que avalan esta ruta á tumba de Santiago que pouco a pouco se foi consolidando gracias á hospitalidade que ofrecían as casas auspiciadas por diversas ordes relixiosas, ó apoio de algúns nobres e ós hospitais do Sancti Spiritus como o antigo Hospital de Guende fundado en torno ó 1445, na parroquia de Souto, dentro do noso Concello servindo de refuxio e protección ós que por alí pasaban.

O itinerario de Paderne comeza na Ponte do Porco cruzando a antiga estrada N-651; ó remata-la ponte e meténdose á esquerda entre as casas, o peregrino sube por unha pista asfaltada ata chegar enriba do túnel da autoestrada podendo descansar na praza de Fernando Sueiro desde a que se poden contemplar unhas fermosas vistas da Ría de O Pedrido coas dúas pontes, a da autoestrada de fai pouco tempo, e a propia de O Pedrido de 1940 deseñada por Eduardo Torroja Miret que marcou un fito na vida das xentes da nosa comarca facilitando as comunicacións e tamén polos avances que se empregaron na súa construcción; mirando cara ó Lambre pode contemplarse tamén unha bonita panorámica deste río.

Alí xa conta cunha sinalización que lle indica o camiño que o leva polo medio do monte ata Lambre, moi cerca da ponte oxival do século XIV construída por orde de Pérez de Andrade, O Bo e sobre a que existe unha fermosa lenda. Neste punto sube á dereita pasando polo lavadoiro de Lambre e a fonte de O Pichón, tramo recentemente pavimentado, e que leva directamente á igrexa de San Pantaleón das Viñas do século XII co antigo Pazo de Montecelo en fronte.

Seguindo, xa contamos con outro indicador que nos dirixe todo recto a Trasmil para torcer logo á dereita e baixar á N-651 meténdonos polo arcén e a antiga estrada ata Chantada pola empinada costa de Matacabalos.

No lugar de Guende, en Chantada, ó lado da fonte de O Xiro, estaba o antigo Hospital de Guende xa citado polo Padre Sarmiento na súa viaxe do ano 1745 de camiño a San Andrés de Teixido e do que tan só quedaban restos, xa que o final do citado hospital foi da 1ª década do 1700.

Este camiño entre as casas de Chantada desemboca nunha estrada pola que debemos camiñar uns metros á esquerda ata encontrar un desvío á dereita con dous camiños, dirixíndonos polo que sube pegado ó local social de Chantada e que vai a saír á parte alta de Souto, a Vilademeus, contemplando outra agradable panorámica sobre a ría.

Logo chegamos á fonte máis fermosa e antiga do Camiño, a fonte de Gas, do século XIX rematando en Tiobre, xa na demarcación do Concello de Betanzos.

 

 

 

© 2013 Concello de Paderne