OFERTA DE ACTIVIDADES DE ADULTOS NO CONCELLO DE PADERNE

Xunto coas actividades extraescolares, as de adultos completan a oferta cultural que o Concello de Paderne programa cada curso escolar para persoas de tódalas idades empadroadas no Concello.

Estas actividades proporcionan, ademais de coñecementos sobre distintas disciplinas ou perfeccionamento de técnicas artísticas nos distintos talleres, espazos de relación entre vecinos que o Alcalde fomenta coidando así a vida social en tódalas aldeas de Paderne.

Cada ano a oferta existente ven a introducir novidades axudando a que estas opcións cubran as necesidades e inquedanzas de todos.

Para este curso escolar, que comprende desde o mes de outubro ata finais do mes de maio, as actividades que se ofertan son as seguintes: Inglés, Informática, Ximnasia de Mantemento, Costura, Pintura e Manualidades, Pilates, Cestería, Cociña, Bailes de Salón e Tapiz e Tear.

A renovada oferta do curso anterior na que destacaron as actividades de cociña e costura tal e como se demostrou o pasado mes de xuño no acto de clausura, veu a contribuír á expectación xerada en torno a esta nova oferta coa que se espera cubrir as expectativas de tódolos vecinos realizando un novo esforzo para que participen e se relacionen.

A presentación das mesmas será o día 13 de outubro no Salón de Sesións da Casa do Concello ás 20:30 horas; nela o Alcalde presentará tamén ós monitores encargados de cada una delas.

As persoas interesadas teñen ata o día 9 de outubro para realizar a súa reserva de praza.