NORMAS DE RECICLAXE

Tras varios anos de recollida selectiva de lixo, compre recordar as normas básicas que nos axuden a todos a ser máis respectuosos co medio ambiente.

Á hora de depositar o lixo en cada contedor debemos de seguir o criterio de selección e poder así darlle o mellor tratamento posible a tódolos residuos que xeramos no día a día.

Sabemos o que corresponde botar en cada contedor pero, aínda así, non sempre o facemos ben. Recordamos que os contedores comúns (verdes) son para depositar a materia orgánica en bolsas pechadas. Os de envases lixeiros (amarelos) están destinados a envases, plásticos, latas e bricks. Os de cartón (azuis) son para papel e cartón, pero que non estea con restos de aceites. Por último os destinados ó vidro son os iglús (verdes).

Debemos recordar que as vísceras de matanzas caseiras ou animais mortos non poden ir para o lixo e que a maleza, céspede de xardín ou restos de podas tampouco se poden tirar, podendo utilizalos para compostar.

A compostaxe supón unha boa alternativa á incineración aproveitando así un valiosísimo material que nos resulta moi útil para o terreo.

Os primeiros mércores de mes é o día sinalado para depositar os mobles ou electrodomésticos que sacamos das nosas casas; está prohibido facelo en calquera outra data. Debemos telo en conta e mostrar un comportamento cívico e respectuoso, axudando así á boa convivencia e ó coidado do noso entorno.