ACTOS DO NADAL EN PADERNE

O Concerto de Nadal, a celebrar o día 18 de decembro no Concello de Paderne, abrirá o calendario de actos que, nestas datas, se celebran cada ano no municipio. Este concerto realizarase no Salón de Sesións da Casa do Concello ás 20:00 h; as persoas que desexen asistir han de anotarse previamente dado que o aforo é limitado.

O día 20 os nenos e nenas das Escolas de Educación Infantil e tódolos nenos e nenas menores de 6 anos de Paderne, poden asistir á Festa de Nadal que para eles organiza o Concello. Dará comezo ás 11:00 h e, ademais dunha actuación adaptada a estas idades, contarán coa visita de Papá Noel que se adianta a recoller as cartas coas peticións dos pequeniños.

Comezamos o 2018 coa visita das Súas Maxestades; así o día 4 de xaneiro, temos previstos os actos da Cabalgata de Reis que comezarán ás 14:30 h na Casa do Concello co recibimento que lles fai o Alcalde antes do recorrido por tódalas parroquias do termo municipal.

O remate deste recorrido terá lugar no polideportivo municipal ás 18:45 h cun acto no que grandes e pequenos poderán pasar a saudar ás Súas Maxestades. O Alcalde e o seu Equipo de Goberno estarán recibindo á Comitiva Real como inicio do programa de actos que o Concello de Paderne organiza para este día e no que non poden faltar o tradicional concurso de debuxos para os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, a entrega de cartas ós Reis e a sesión de animación final.

© 2013 Concello de Paderne