MUÍÑOS

O uso dos muíños foi unha peza importantísima no desenvolvemento da economía da nosa comarca ata a primeira metade do século XX. Hoxe en día son edificacións que están en desuso e mesmo a penas existen restos en moitas delas, pero queremos conservalos pola importancia histórica. No Concello predominaban os de herdeiros, propiedade de varias familias que se repartían as horas de moenda e que tiñan unha persoa que se encargaba das reparacións, mantemento e chaves do muíño; era o cabezaleiro. Tamén existían os particulares, dun só dono, ou os de maquía, nos que moía xente de fora a cambio dunha porcentaxe de fariña.

De Teixeiro

Son un conxunto de muíños situados nunha fermosa carballeira no lugar de Teixeiro. Sitúanse un a continuación doutro, ata cinco seguidos, aproveitando a auga do Rego Mainzoso. Os muíños devolven a auga ó río unha vez utilizada para moer, pero hai casos como este no que a mesma auga pasa dun a outro por medio dun enxeñoso dispositivo de canles e comportas. Un conxunto coma este é algo moi singular, por un lado téñense que dar unhas condicións físicas, precísase un terreo moi empinado de maneira que o desnivel sexa suficiente para aproveita-la auga e, por outro, económicas, xa que tiña que haber moita producción de gran para que fose necesario concentralos no mesmo lugar.

Son unhas construccións moi antigas, todas teñen planta rectangular, e van desde os cinco por seis metros do máis pequeno ata os doce por seis metros do maior. Os muros, con espesores próximos ós sesenta centímetros están feitos con cachotería de xisto, a cantería de granito reservouse para abrir ocos nas fachadas (portas e ventás), e tamén para os cubos (depósitos onde se almacenaba auga para moer). A cuberta era de tella do país, cubríanse todos a unha auga excepto o cuarto, de maior tamaño, dado que tamén albergaba vivenda, no que o tellado facía dúas augas. É interesante ve-los infernos (especie de túnel no que entra a auga e acciona o rodicio) con grandes pezas de cantería e estructura de falsa bóveda, hoxe xa non se poden ve-los mecanismos (rodicios, eixos, capas, moexas, etc.). Máis abaixo, na beira do Mandeo está o muíño de Teixeiro, unha maquía máis nova que moía coa mesma auga pero as súas características non gardan relación co conxunto anterior.

Do Meizoso

Da Lama da Riveira

Atópanse nas augas do Regato Meizoso, afluente do río Mandeo. É o único que funciona actualmente na parroquia de Vilamourel.

Este muíño conta cun edificio antigo, sendo de varios propietarios que teñen repartido o seu tempo de uso.

"Muíño da Lama da Ribeira: en Vilamourel"

"Muíño da Lama da Ribeira: en Vilamourel"

Muíños do Batán

Preto dos muíños de Teixeiro están estes muíños de O Batán, que dá nome ó lugar. Funcionaba tamén coa auga do Mainzoso.

Un batán é unha construcción que aparece en Europa na Idade Media; alberga un mecanismo chamado Folón que, aproveitando a forza hidráulica, bate os tecidos co fin de darlles unha textura máis compacta. Batíanse durante vintecatro horas e debían permanecer sempre mollados con auga non fría (no inverno había que quentalo no pote antes de botarlla). O bataneiro, encargado do proceso que precisaba unha atención case constante, cobraba en metálico polo seu traballo.

Este de Vilamourel está formado pola casa do bataneiro, unha vivenda de planta rectangular e dous pisos, á que vai adosado un corpo que alberga o folón. Ten dous niveis: ó superior accédese desde a planta baixa da casa; o piso era de madeira e alí estaba o mecanismo. O nivel inferior é semellante ó inferno dun muíño, cos ocos da entrada e saída da auga que chegaba por un cano e facía vira-la roda. O acceso desde a outra banda do río faise por unha pequena ponte cun curioso arco de medio punto. Hai outras construccións preto da casa, quedan restos dun alpendre e hai un forno que que chama a atención por estar exento.

Muíños Da Misericordia

Subindo polo río Lambre, moi pouco máis arriba da ponte antiga, están entre unha bonita paisaxe de ríos e arboredas as ruínas duns grandes muíños, que os naturais chaman “da Misericordia”, os documentos nomean muíños “do Rei” e outros din “de Bermúdez” porque foron os seus donos o Señor de Montecelo e de San Pantaleón das Viñas, D. José María Bermúdez de Castro.

Naceu en Viveiro en 1799 e foi nomeado gardamarina ós 11 anos. Será, por casamento, dono do Pazo de Mariñán. As súas propiedades estaban diseminadas entre Viveiro, Pontes de García Rodríguez, Pontevedra , Santiago, Cádiz e Segovia, aínda que o que importa aquí e o seu patrimonio en Montecelo (Viñas).

D. José María Bermúdez de Castro era un home emprendedor que tratou de mellora-los cultivos da terra imprantando novas técnicas agrícolas e novos métodos de cultivo.

Estes muíños son varia edificacións, ó parecer, de tres épocas distintas do século XVIII; di a tradición do lugar que se moía trigo para as fariñas do Arsenal de Ferrol e así debía de ser xa que 16 moas de muíño de unha rápida productividade para ese século, cunhas 60 revolucións por minuto, parecen indicar unha demanda moi grande.

As fariñas chegaban ata alí nunha dorna; nas costumes da molinería antiga incluíase o prezo da maquía no transporte do grao ata o muíño e a colocación da fariña na casa do cliente. Nos muíños comúns era costume levar un cuartillo de grao por ferrado, sendo isto o que se cobraba nos muíños de Bermúdez para o trigo, centeo ou mestura.

Os muíños estaban ben situados preto do camiño que unía Ferrol e Betanzos, pola Ponte do Porco. O grupo de Muíños do Rei presentábase como un longo rectángulo aliñado tras a beira do río, entre grandes árbores, mostrando os 16 ollos dos arcos da saída dos seus canles. A porta pequena no centro leva unha inscrición tan borrada que só se adiviña o nome de Bermúdez; está no medio de todo o edificio pero non está aliñada coa ponte nova que lle dá acceso.

Ditas edificacións sufriron modificacións importantes en torno a 1845 nos muíños da dereita da porta, establecendo neles sete pedras francesas de pedernal de la Ferté, das que aínda quedan dúas (pedras das chispas) cerrando uns dos muíños, probablemente para facer sitio ó limpador.

Tamén se agregou unha casa para o servicio do muíño, que parece ser o último muíño da dereita. Levantouse tamén o piso alto desta parte dereita e cambiáronse as vigas.

A parte esquerda non ten piso alto; os muíños deste lado chámanselles “comúns” mentres que os outros denomínanse “franceses”. A palabra “común” parece significar que tiñan as rodas de granito, ó estilo do país, e no pedernal como as francesas.

O grao de trigo que se moía para os fariñeiros de A Coruña facíase nos muíños franceses, polo cal se pode deducir que a chamada mestura e o grao da comarca, se moían nos outros muíños comúns que estaban á esquerda.

Bastante arriba do río Lambre unha profunda canle traía as augas da parte alta do terreo, por detrás dos edificios con un desnivel sobre o nivel do chan de máis de metro e medio ó que se engadía outro metro máis se contamos cos niveis nos que ían postos os rodeznos ou rodas horizontais motrices dos muíños; así a presión da auga era a correspondente a unha altura de 2,50 metros aproximadamente o que proporcionaba a forza motriz suficiente.

Esta canle tiña un aliviadoiro que hoxe se conserva co fin de evita-lo exceso de auga na presa, xa que esta presión podía tira-la parede do muíño.

Unha comporta grande de 2 ou 2,5 metros cadrados de superficie permitía a entrada de auga desde a canle de alimentación ata o embalse da presa, alargándose por toda a lonxitude do edificio.

Pasando a porta de entrada dos muíños, á dereita e esquerda, atopábanse dúas portas que comunicaban con dúas grandes salas de molturación e na parte traseira desta estancia había unha escaleira cunha porta que comunicaba ca presa e cun muro que a dividía do camiño que leva a San Pantaleón.

Neste muro atopábase outra comporta algo menor que daba paso á auga que movía os muíños da dereita ou franceses.

Nas ruínas consérvanse colocadas aínda no seu sitio dúas moas francesas das sete que antigamente había; no aro interior, no chamado ollo da moa, levan unha inscrición: “Societé Meuliere. La Ferté-sous-Jouarre”; son as famosas pedras do muíño francesas.

Os avances dos mecanismos deron maior rapidez ás moas refrixerando as fariñas e á criba do grao de forma automática o que permitiu a simplificación do traballo manual e o aumento na producción de fariña.

Muíños de Chantada; en Souto

Son un total de sete, dos cales só dous están en funcionamento.

Situados no lugar de Chantada; son muíños de auga de pequeno tamaño e que non dispoñían de habitáculo para vivenda do muiñeiro.

A forma de propiedade era de muíños de herdeiros; pertencían a varios veciños establecendo entre eles quendas para moer.


© 2013 Concello de Paderne