MOSTRA DO BRANCO LEXÍTIMO 15 E 16 DE XUÑO

O Concello de Paderne está preparando unha nova edición da Mostra do Branco Lexítimo para os vindeiros 15 e 16 de xuño no marco da aldea de Esperela, un lugar co encanto das casas de pedra, co seu restaurado lagar respectando a construción orixinal e unha capela cun interior que sorprende ó visitante.

Un entorno moi ben coidado que servirá de marco ideal para volver a albergar esta nova edición da Mostra do Branco Lexítimo.

Esta variedade de uva branca de gran potencial e calidade, é considerada a máis antiga das existentes no noso país. Unha variedade ben adaptada ás condicións climáticas da zona que o Alcalde de Paderne, César Longo, puxo en valor co apoio dos estudos da Fundación Juana de Vega e destacados expertos que avalaron as súas potencialidades, sen esquecer o marco e impulso da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Este viño xa era producido abundantemente na zona desde a Idade Media ata a desaparición das viñas antigas afectadas polas pragas no século XIX; neste momento, e grazas ós esforzos que se están a realizar desde o Concello e os produtores da zona, está a destacar como un viño de altísima calidade que coidan e traballan buscando sempre a perfección nas súas elaboracións para a obtención dun destacado produto final.

Por suposto, teremos o orgullo de contar cos adegueiros que presentarán as elaboracións preparadas con mimo para ofrecer a tódalas persoas que se acheguen a probalas.

Paderne destaca polo traballo das súas xentes, traballo que se ve recompensado con premios e recoñecementos como o obtido o ano pasado pola empresa Orballo, ubicada en Donín, á que se lle concedeu o distintivo de calidade da Reserva de Bisofera, sendo unha das tres que o obtiveron a nivel mundial e a única no cultivo de té ecolóxico de Europa, estando estes dous días tamén en Esperela.

Buscando ofrecer ó visitante unha Mostra altamente especializada, estes dous días contarán, como en anteriores edicións, coa presenza de expertos que participarán nas catas e charlas compartindo algúns dos seus coñecementos.

Haberá obradoiros de artesanía para diversificar a oferta da Mostra e facela atractiva para todos.

Contaremos con música tradicional por toda a aldea animando así estes dous días.

Os concertos na capela de Esperela tampouco van a faltar, convertendo a este lugar de culto nun recinto incomparable para albergalos.

Tamén se teñen en conta ós máis pequeniños coa incorporación de diversas atraccións como talleres, animación e inchables, todo gratuíto.

E, por suposto, os visitantes terán degustacións que ofrecerá o Concello para acompañar cunha boa copa de Branco Lexítimo.

A pulpeira, os churros e os xeados non van a faltar para pasar toda a xornada disfrutando dos moitos atractivos que o Concello de Paderne está a preparar para ofrecerlles a tódalas persoas que se acheguen ata Esperela, dous atractivos días en torno ó viño.