MOSTRA DO BRANCO LEXÍTIMO 2019

Conclúe a sexta edición da Mostra do Branco Lexítimo en Paderne, os días 6 e 7 de xullo, coa participación de 10 adegas da IXP ademais do CFEA de Guísamo mostrando os caldos elaborados con unha das variedades máis aromáticas de cantas existen en Galicia, segundo os expertos.

Moito traballo se fixo desde que o 24 de marzo de 2011 o BOE publicase a orde que recollía a súa inscrición no rexistro de variedades comerciais da oficina española de variedades vexetais grazas ó traballo da Misión Biolóxica de Galicia, do CSIC, do apoio da Fundación Juana de Vega e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

Esta Mostra, que o Concello de Paderne presentou como o mellor escaparate de todo o traballo realizado, contou coa presenza de grandes entendidos na materia.

Así, Rafael Ocete, un dos maiores expertos mundiais en Vitis Vinífera Sylvestris con innumerables publicacións e premios na súa carreira, falou sobre a domesticación da vide e a trazabilidade xenética da Branca Lexítima.

Roberto Regal, outra personalidade digna de escoitar, contou a súa experiencia na elaboración de Branca do País (Branca Lexítima) na zona de Negueira de Muñiz. 

Unha cata con expertos sumilleres, enólogos, xefes de compra e periodistas, puntuaron os viños presentados para a elaboración da Guía de Viños de Galicia 2020 de Luís Paadín.

O pregón estivo a cargo de D. Antonio de Ron Pedreira, Delegado Institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CESIC) en Galicia que ensalzou o traballo que o Alcalde de Paderne, César Longo, fixo por poñer en valor o que se está a facer con esta variedade que está a impulsar a economía e desenvolvemento da zona.

Toda a aldea se converteu nun gran escaparate para acoller este evento para o cal, o Concello de Paderne, despregou un amplo programa no que, tanto os amantes do viño como todo o público en xeral tiñan cabida; o marco ofrecíao un coidado entorno adornado coas súas mellores galas no que o visitante podía ir entrando nas distintas adegas.

Tamén tiveron cabida empresas da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, con sede en Paderne,  como Queixos Cagiao ou a Empresa Orballo que cultiva o primeiro té ecolóxico de Europa.

Concertos na capela, animación de rúa, música tradicional e popular, degustacións ou atraccións para nenos, formaban parte do programa destes dous atractivos días en Paderne.

Cata de expertos para a Guía de Viños de Galicia de Luís Paadín

Charla de Rafael Ocete, unha autoridade mundial en Vitis Vinífera

 

Grupo Entroido Samede

 

 

Taller de trampas para velutinas

 

Salida de participantes en el Trail y Andaina del Blanco Legítimo

 

O Alcalde dando paso ó acto do pregón a cargo do Delegado Institucional do CSIC para Galicia