MOSTRA DO BRANCO LEXÍTIMO
Nos últimos anos, os viticultores de Paderne, e da comarca de Betanzos encadrados en Viño da Terra de Betanzos, están a facer unha aposta importante pola recuperación dunha variedade de uva, o branco lexítimo. Neste sentido, tras a plantación destas vides, na actualidade, estanse a recoller os froitos delas e a elaborarse os primeiros caldos con esta variedade de uva.
Por terceiro ano consecutivo, e coa finalidade de axudar á comercialización destes viños que se están a introducir no mercado e dar un impulso á aposta que desde as adegas se esta a facer coa recuperación desta variedade de uva, o Concello de Paderne, celebrou os días 2 e 3 de Xullo no campo do Telleriro, a Mostra do Branco Lexítimo.
O Presidente da Deputación da Coruña acudiu a Paderne invitado polo Alcalde e, no seu discurso de inauguración, salientou o importante traballo que se está a facer con esta variedade comprometendo o seu apoio para a súa promoción.
Esta mostra, na que estiveron presentes as diferentes adegas encadradas na i.x.p. Viños da terra de Betanzos contou ademais neste ano coa presenza de adegas doutras zonas de Galicia onde tamén están a realizar viños con esta variedade de uva, concretamente con Viños da Terra do Barbanza e Viños de Negueira de Muñiz.
Así mesmo, a mostra contou coa realización de distintas actividades dirixidas a ensalzar este produto, como a Visita dos Sumilleres participantes no “Concurso de Sumilleres Ganimedes” que representarán a Galicia no Campionato Nacional de Sumilleres Custodio Zamarra”, e a cata de “Branco Lexítimo e Queixos Universais” impartida por Luís Paadin, xunto con Alejandro Paadin.
Por outro lado, púidose desfrutar de dous obradoiros de cociña, no que se utilizaron principalmente produtos do mar, para facer unha maridaxe entre produtos do mar e da terra. Contouse tamén con actividades para nenos como foron os obradoiros de cociña para os mais pequenos, de galleteria e de panadería
Na Mostra , podeuse desfrutar tamén de produtos típicos da zona nunha sección adicada a alimentación así como observar as ultimas novidades en maquinaria agrícola e de xardinería na sección de maquinaria que tamén estará presente na Mostra.
Para completar o programa da Mostra, contouse tamén cunha serie de actividades paralelas que completen a oferta lúdica, concurso de cans, proba hípica, así como diversos obradoiros de manualidades ou de mel.
A Mostra, que pretende servir como referente para dar a coñecer a actividade das adegas da comarca, serviu tamén para vincular os caldos aquí producidos coa degustación de produtos locais, así como as potencialidades que esta combinación ofrece para o desenvolvemento do turismo, a creación de riqueza e a xeración de postos de traballo.