MEDIDAS ANTE O COMEZO DO CURSO ESCOLAR EN PADERNE

Este curso escolar 2020-2021 comeza para os pequeniños do Concello de Paderne con importantes novidades respecto a anos anteriores. O COVID-19 impuxo unhas importantes medidas a ter en conta para protexer a saúde e poder desenvolverse o mellor posible evitando comportamentos que poidan frear o desenvolvemento das nosas vidas.

As dúas escolas de Educación Infantil de Paderne adaptarán as súas rutinas a este novo contexto e o Concello está a poñer tódolos medios para que poidan realizar o coidado e escolarización dos neniños da mellor forma posible.

Un punto importante é a desinfección e limpeza das instalacións; xa se está a traballar na súa posta a punto para recibir, o vindeiro día 10 de setembro, o comezo do curso cos recintos ben limpos e desinfectados. Unha vez que comecen as clases, o Concello vai a ampliar o servizo diario de limpeza que se estaba a facer en anos anteriores, adaptándoo ás novas circunstancias. Así, os pequeniños verán que o persoal de limpeza municipal pasará durante a xornada a limpar e desinfectar algunhas zonas do recinto.

Outro punto importante a coidar é o servizo de bus que se proporciona para levar ós neniños ás escolas. Este ano, e para poñer especial coidado nas normas sanitarias, unha empresa será a encargada de velar pola súa seguridade no transporte; a subida e a baixada, como sentarse e a desinfección das mans serán puntos de especial coidado.

O servizo de bus para a escola de Areas, verase ampliado co traslado dos neniños de Souto á escola de Viñas. O Concello quere facilitar que tódalas parroquias se poidan beneficiar das Escolas de Educación Infantil de Paderne e que as familias non se vexan afectadas polo peche da escola de Souto.

Ante a necesidade de conciliación dalgunhas familias e adaptándose ás necesidades actuais, implántase o servizo de madrugadores. Empeza a funcionar na escola de Areas para cubrir a necesidade de coidado dos fillos de pais e nais que traballan e non poden compatibilizar os horarios laborais cos da escola. Unha persoa estará encargada de atender ós neniños das familias que previamente o soliciten desde hora e media antes da apertura da escola.

Con todas estas medidas, o Concello de Paderne amplía as prestacións que estaba a ofrecer buscando un maior benestar para as persoas e familias do municipio.