MEDIDAS ADOPTADAS NO CONCELLO DE PADERNE NA LOITA CONTRA O COVID-19

Desde fai uns meses  e conscientes da gravidade da situación que se nos presentou coa transmisión do coronavirus, o Concello de Paderne estivo adoptando medidas de protección co fin de axudar ós seus habitantes na loita contra esta ameaza.
Así, as labores de desinfección, que noutros sitios se realizan de xeito puntual, en Paderne non deixaron de descoidarse en ningún momento constituíndo unha importante medida de protección para os lugares de acceso ó público.
Equipos de desinfección, contratados polo Concello, repasan os accesos a cafeterías, establecementos de comidas, supermercados e negocios en xeral a fin de que, tanto as persoas que traballan neles, como os seus clientes, dispoñan dunha garantía máis á hora de realizar a súa vida diaria.
Os contedores do lixo e o seu entorno son tamén puntos nos que se incide nestas labores de desinfección, así como as prazas e parques para que, tanto nenos como maiores, poidan dispor deles evitando os máximos riscos para a saúde.
Os desbroces por todo o termo municipal, fóra da época na que normalmente se realizan, forman parte destas medidas extraordinarias que se adoptaron para facer fronte á pandemia.
Estas medidas aplicáronse tamén nas dúas escolas de Educación Infantil ampliándose o servizo de limpeza. Antes estaba a realizarse ó remate da xornada escolar e, por estas especiais circunstancias, realízase ademais durante a propia xornada, completando as tarefas de limpeza coa desinfección; todo por ter ós nosos pequeniños protexidos.
Para o resto dos escolares, que acoden a centros educativos da zona, como para tódalas persoas que se ven na necesidade de utilizar os servizos do transporte público, realízase tamén a desinfección das marquesiñas e o seu entorno.
Estamos nunha situación complicada a nivel mundial, polo que todos debemos extremar os coidados adoptando as medidas que nos recomendan as autoridades sanitarias ante esta ameaza invisible e así protexernos e protexer ás demais persoas ata que se logre o seu control.