MANIFESTO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Hoxe, o Concello de Paderne fai público este manifesto para conmemorar o Día Internacional da Muller.
O Día Internacional da Muller, inicialmente chamado Día Internacional da Muller Traballadora, celébrase o día 8 de marzo, desde comezos do século XX e está recoñecido pola ONU.
Conmemoramos a loita das mulleres pola participación, en igualdade cos homes, en tódolos ámbitos da vida. Recordamos e loamos ás mulleres que durante anos, décadas e incluso séculos, buscaron (e seguimos buscando) ser escoitadas; ser tratadas con igualdade, ser respectadas e tidas en conta como parte activa e vital da sociedade.
Recordamos a aquelas mulleres do téxtil que morreron queimadas para conseguir unha xornada laboral xusta. A aquelas que durante a segunda república defenderon e conseguiron o dereito ó voto, á firma de documentos e á educación. Recordamos tamén a aquelas mulleres que acudían á universidade vestidas de home asustadas.
Por outra banda, queremos recordar e apoiar na loita a tódalas mulleres do mundo que, hoxe en día, polo feito de ser mulleres, se ven discriminadas pola sociedade na que viven, polas súas familias e incluso polos seus esposos.
A loita das mulleres pola igualdade rematará cando deixen (deixemos) de estar á cabeza nas cifras da pobreza, nas listas de desemprego, de sufrir a infravaloración dos traballos e desaparezan os problemas de conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Rematará cando se deixe de usar a imaxe da muller como un obxecto de consumo, cando as palabras da muller se escoiten co mesmo volume que as dun home e cando se nos nomee e visualice en tódolos espazos sociais.
Hoxe, faise público este manifesto esperando que tódalas persoas, adquiran o firme compromiso de loitar contra as desigualdades que sofren as mulleres na sociedade, mostrando o seu rexeitamento a todos aqueles que a exerzan e promovendo o cambio social positivo cara a igualdade efectiva entre homes e mulleres.