LOITA CONTRA AS VELUTINAS NO CONCELLO DE PADERNE

O Concello de Paderne está a desenvolver un intenso traballo de protección e apoio ós veciños na loita contra a especie invasora de vespa velutina.

Co traballo da Protección Civil Municipal e o asesoramento e apoio dun apicultor do Concello, así como coa empresa de pirotecnia que acode a aplicar explosivos ós niños que así o permiten, veñen destruíndose tódolos notificados polos veciños intentando manter controlada esta especie e protexer ás persoas que, preocupadas pola súa expansión, sente o perigo preto das súas vivendas.

Conscientes deste problema e desbordados pola cantidade de niños detectados, vense informando ás persoas de Paderne sobre trampas, atraíntes e sistemas de control da praga en apoio ó intenso traballo de destrución de niños que o Concello está a facer tódolos días cos seus propios medios.

Así, desde xullo de 2017 elimináronse un total de 158 niños en distintos puntos do Concello.

O Alcalde, moi preocupado pola alarma xerada, pon tódolos recursos cos que conta o Concello para tratar de dar resposta a este problema e axudar o mellor posible ás persoas de Paderne.