LOCALIZACIÓN

Saltou pola ponte ó río e berroulle á súa muller para que fixera o mesmo, pero Dona Teresa quedou cravada na ponte morta de medo e o porco bateu contra dela matándoa.

Poucos días despois apareceu morto na mesma ponte o porco bravo; tiña cravada na gorxa unha daga que Don Nuno recoñeceu; era a daga que el mesmo lle regalara a Roxin Roxal facía moito tempo. O señor de Andrade comprendeu que a súa filla tería mellor valedor neste valente xove ó que non lle permitiu casar con Dona Teresa. A partir dese momento a ponte foi coñecida como a Ponte do Porco.

Subindo polo río Lambre están entre unha bonita paisaxe de ríos e arboredas, as ruínas duns grandes muíños, que os naturais chaman da Misericordia, os documentos noméanos muíños do Rei, e outros din “de Bermúdez”. Estes muíños, son varias edificacións ó parecer de tres épocas distintas do século XVIII, di a tradición do lugar que se moía trigo para as fariñas do Arsenal de Ferrol. As fariñas chegaban ata alí nunha dorna, porque nas costumes da molinería antiga, incluíase o prezo da maquía no transporte do grao ata o muíño e a colocación da fariña na casa do cliente.

Os muíños estaban ben situados, preto do camiño pola Ponte do Porco, que unía Ferrol e Betanzos.O grupo de muíños do Rei presentábase como un longo rectángulo, aliñado tras a beira do río, entre grandes árbores, mostrando os 16 ollos dos arcos da saída dos seus canles. A porta pequena, no centro leva unha inscrición tan borrada que só se adiviña o nome de Bermúdez; está no medio de todo o edificio, pero non está aliñada coa ponte nova, que lle da acceso .

Ditas edificacións sufriron modificacións importantes en torno a 1845.

 

O século XIX foi o que trouxo a municipalidade para Paderne. A teor da reestructuración feita tralo Antigo Réxime, no que as parroquias pertencían a tres xurisdiccións distintas, constitúese o Concello de Paderne coas parroquias actuais, pasando antes por unha etapa de transición, xa que en 1831 figuraba o actual municipio dividido en dous, o de Vigo e o de Quintas. No ano 1842 estivo a punto de desaparece-lo Concello e ser absorbido por Betanzos por mor dunha reducción de municipios, pero finalmente non se levou a cabo.

Xa no século XX a construcción da Ponte do Pedrido, deseñada por Eduardo Torroja Miret, marcou un fito na vida das xentes da nosa comarca, tanto polo que supuxo en canto a comunicacións como polos avances que se empregaron na súa construcción que data do ano 1940, inaugurándose o 16 de abril de 1943 facilitando así a comunicación entre as marxes da ría, ata daquela unida mediante un servicio de pasaxe, actividade que tamén bautizaba a esta ponte.

Como reseña histórica importante, citar que Frei Martín Sarmiento, utilizou este servicio de pasaxe na súa viaxe de 1745 tal e como queda recollido na contraportada do xornal ”Betanzos y su comarca “ de abril de 2001.

 


Parroquias

VIÑAS

SOUTO

VELOUZÁS

OBRE

PADERNE

ADRAGONTE

QUINTAS

VILAMOUREL

VIGO

RÍO LAMBRE

RÍO MANDEO

 

 

© 2013 Concello de Paderne