PRESENTACIÓN DO LIFE FLUVIAL EN RIBADEO

O Alcalde de Paderne, César Longo, en calidade de Vicepresidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, GDR, acudiu este pasado 24 de outubro á presentación do proxecto “Life Fluvial” que tivo lugar en Ribadeo.

Este proxecto, que ten como obxecto a conservación dos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica, conta con un presuposto de tres millóns de euros, dos que a Comisión Europea ven a sufragar o 75%, o que supón a porcentaxe máxima que a convocatoria LIFE outorga a aqueles proxectos que son considerados prioritarios para a súa execución e posta en marcha.

Con el, impulsarase a rexeneración de cuncas fluviais así como distintas actuacións vinculadas basicamente a entornos de ríos. Permitirá mitigar e corrixir os efectos causados por especies invasoras poñendo freo á súa expansión.

Contémplanse oito actuacións nos tramos altos, medios e baixos de distintas cuncas fluviais de 9 espazos da Rede Natura 2.000 así como medidas de monitorización para medir o impacto de proxecto sobre os distintos hábitats co fin de avaliar o seu efecto sobre o ecosistema.

Entre as actuacións a desenvolver, está a retirada do recheo no campo de fútbol e campo de tiro no entorno do Pazo de Mariñán, na Ría de Betanzos, e a actuación nas bacías dos ríos Mero e Barcés na presa de Cecebre.

Deste proxecto, Life Fluvial, forman parte o Ibader da USC, o Indurot da Universidade de Oviedo, o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, a Asociación InterEo, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, o Concello de Ribadeo, Emalcsa (Empresa Municipal de Augas da Coruña) e Tragsa.

No acto de presentación participaron persoas pertencentes a diferentes organismos, entidades, proxectos e asociacións que prestaron un apoio incondicional á candidatura deste proxecto.

© 2013 Concello de Paderne