DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, os poemas de Manuel María, autor homenaxeado nesta edición, estiveron escoitándose na praza do Campo da Escola en Insua, a través do Alcalde de Paderne, César Longo, que recitou un deles na súa honra.

O compromiso político, a denuncia e a etnografía, temas claves da súa obra, foron recordados nun breve resumo que, tanto el como o Tenente Alcalde fixeron deste poeta de Outeiro de Rei falecido no ano 2004.

A praza encheuse de xente para festexar o gran día da cultura de Galicia no que se contou tamén coa participación da Escola de Gaitas San Pantaleón e as voces do Orfeón Alcoa-Inespal.

O Alcalde fixo tamén a presentación do libro “Chantada, a aldea da miña infancia”, escrito por José Dopico Sueiro en torno ás súas vivencias nesta aldea da parroquia de Souto e do que asinou moitos exemplares para todos aqueles que desexaron levar un de recordo para as súas casas.

Marcapáxinas e dípticos sobre a vida e obra de Manuel María, completaron esta xornada cultural que o departamento de Cultura do Concello preparou para recordar un anaco das nosas raíces.

Xa é habitual que ó remate todos charlen compartindo uns pinchos e viño da terra recordando así un agradable Día das Letras Galegas xuntos.