Lagar de Esperela

       

Na  parroquia de  San Xulián de Vigo, no lugar de Esperela, atópase un lagar do século XX.

       
         

"Lagar de Esperela na actualidade, inaugurado o 28 de setembro de 2008"

     
     
       

Estamos ante un tipo de construcción moi pouco frecuente, e máis   nestas comarcas. Pegado a unha casa e situado no centro da aldea,   consérvase este lagar, de forma case elíptica, cos muros de cachotería,   nos que só se abre a porta de acceso a un fachinelo. No centro, o lugar   ocupado pola pipa. A cuberta é a unha auga.

     

Vemos que esta   construcción non é senón un alpendre, ó que se poden dar diferentes   finalidades. Inda que non moi abundante, non é tampouco raro atopar este   tipo de planimetrías, tan ligadas ó mundo castrexo.

Lagar                                      de Vilamourel

       

Atópase na parroquia de San Xoán de Vilamourel.

       
         

"Lagar de Vilamourel na actualidade, inaugurado o 8 de novembro de 2008"

     
     

Este lagar centenario que tranquilamente podería ter   mais de 250 anos, está á beira do camiño, un pouco máis abaixo, contaba   antigamente cunha xurreira, (que agora non está) que era a canalización   que naqueles tempos había para que saíse a auga, xa que é unha zona na   que nace, contribuíndo así o deterioro da construcción.

     

Está composto por unha   enorme viga que trouxeron doutro lagar da parroquia de Quintas, da caso   do Xuncal segundo testemuñas dos veciños que o usan.

     

Anteriormente contaba cun   fuso de madeira que ó longo do tempo, e debido ós poucos coidados que   se lle proporcionaron, foise gastando sendo necesario que un carpinteiro   da zona fixese outro.

     
       

Este outro non saíu perfecto xa que a madeira debía estar un pouco   verde e terminou durando 3 ou 4 temporadas polo que a persoa que se   encargaba deste lagar tivo que poñer outro cunha cruceta debaixo, sendo o   actual.

       

O fuso que tiña vello, o   que estaba metido debaixo, posuía unha cabeza cun rebaixe no que ían   metidas unhas madeiras en horizontal porque a pedra posuía un oco por   riba no que se metía a cabeza do fuso. Esta pedra tiña catro caras,   sendo a máis ancha a de debaixo; polos laterais tiña uns rebaixes ata o   medio e aí metíase unha madeira moi axustada que, como era máis ancha   por debaixo, facía de embude. Na parte alta posuía unhas madeiras en   horizontal que, enganchadas nas de debaixo, facían que o fuso prendera   na madeira e esta non lle permitise escapar.

       

Na parte superior aínda   se conserva a cuncha vella. A viga ten un burato cuadrangular polo que   se mete a cuncha atravesándoa. A cuncha é atravesada en vertical polo   fuso cara arriba, para subir e baixar; así mesmo, o fuso vello, que era   de madeira, tiña outro burato horizontal preto do extremo para meter un   pao atravesado a fin de ir virando e botando por el; estaba tan   engraxado que coa forza que facía a pedra desviábase soa ó estar   colgada, polo que tiñan que utilizar unha estaca evitando así que se   movera para atrás e dese algún que outro susto posto que cando pillaba a   algún descoidado ó soltarse pegáballe un bo pao.

       

Na parte de atrás, na   parede, conta cun oco con dúas pedras que teñen un burato en vertical á   altura duns 50 cm, a viga conta con outro burato que coincide con ese e   no que se metía un eixo, polo que a parede posúe un rebaixe en   horizontal para poder metelo a través das dúas edras que están en   vertical e que a viga quede aí agarrada.

       

As pedras anteriores   teñen un dintel por enriba como o dunha casa, moi forte, de onde arranca   a parede coa viga que está encintada en madeira para que non abra e non   se escape para os laterais. Conta cunhas madeiras duns 10 x 25 cm de   groso e 2,60 m aproximadamente que acabaron corroéndose e foi preciso   repoñelas cun pouco de cemento. Van amarradas no tellado e a viga cando   sube e baixa vai guiada por aí. Cando o lagar non traballa introdúcese   un pao atravesado que permite colga-la viga enriba do fuso.

       

Pasando a describi-lo   proceso de extracción do mosto; onde se apreta antigamente contábase co   trouso, que era onde se botaba a maja. O trouso era de madeira, pero ó   deteriorarse cambiouse por un de pedra que é o actual. O novo ten un   tubo de fronte que bota o líquido para fóra a unha altura polo lateral   de 20 cm toda a volta. Na parte de abaixo ten un círculo cravado na   mesma pedra que vai a dar ó tubo que bota o viño. Cando se introduce aí a   maja métese sempre por dentro do círculo, primeiro polas beiras e logo   no medio para ir prendendo a primeira tratando de poñela curiosa ata   chegar a unha determinada altura na que xa non colle máis; así é que   algún poñía moitas veces demasiada e iso non permitía a saída do viño.

       

Para realizar ese proceso   había que levanta-la viga facilitando o traballo e deixando espacio   entre o trouso e a mesma viga. Unha vez situada a maja colocábase, cuns   taboleiros de aproximadamente 4 cm unidos por uns puntais fortes de   madeira de castaño cravados a través das táboas, encima unha peza de   madeira cadrada que entraba por dentro do cadrado do trouso; era a   porca.
         
         A porca colocábase sobre   a maja, sobre a porca poñíase o primeiro porco, que era o que máis   pesaba, despois o segundo e, se xa chegaban porque non había máis   espacio, apertábase un pouco e íase dando voltas ata que a pedra quedaba   no aire e empezaba a saí-lo viño filtrado a través dunhas pallas que se   poñían a maneira de coador.

       

Despois desta primeira   apretadura íanse sacando os porcos e a porca pola parte de atrás   deixando a porca arrimada á parede porque era moi incómoda; logo cunhas   machetas vellas veireábase toda, dábaselle tamén uns piques no medio   para logo volver a apertar outra vez recollendo, ó finalizar todo o   proceso, a maja en paxes.

       

Esta maja sobrante   deixábase na casa que coidaba o lagar para abona-las leiras ata que se   empezou a destilar caña que foi cando cada un a levou para si.

       

Para torce-lo viño os   propietarios, que eran varios, tiñan o acordo de ir tornándose entre   eles para o cal se dirixían á casa do que coidaba o lagar para ver de   non entorpece-lo labor uns dos outros.

            
           
     
                    
         
          
         
 

© 2013 Concello de Paderne