PRESENTACIÓN DAS XORNADAS GASTRONÓMICAS TERRITORIO ATLÁNTICO

Do 9 ao 25 de outubro van a celebrarse na Coruña as Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico; César Longo, Alcalde de Paderne, como Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo estivo presente, o pasado venres día 2 de outubro, no acto da súa presentación.
    Realizada no restaurante Árbore da Veira, do Monte de San Pedro, contou coa presenza do Presidente da Reserva da Biosfera José Antonio Santiso, co Vicepresidente da Deputación da Coruña Xosé Regueira, co Concelleiro e Presidente do Consorcio de Turismo Juan Ignacio Borrego, a Xerenta de Turismo Lanzada Calatayud, e representantes dos restaurantes que participarán nestas xornadas.
    Os 10 restaurantes participantes, Bido, Culuca, Greca, Millo Orzán, Pablo Gallego, Peculiar, Salitre, Taberna 5 Mares, Terreo e 55 Pasos, teñen o compromiso de presentar nos seus menús distintos tipos de pratos realizados con produtos da Reserva de Biosfera. Estes pratos, elaborados por cociñeiros de gran prestixio, entre eles varios con Estrelas Michelín, destacarán as excelencias dos produtos que presenten.
As Xornadas, que se celebrarán grazas ao acordo asinado na edición de Fitur 2020 entre o Consorcio de Turismo e Congresos e A Coruña, o Concello de A Coruña e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo en materia gastronómica e de ecoturismo, suporán unha gran ocasión para demostrar a calidade dos produtos locais preparados por estes grandes cociñeiros.
Este tipo de accións, xeradoras de riqueza e reivindicadoras das potencialidades existentes, veñen a concretar o compromiso pola posta en valor do territorio que, tanto José Antonio Santiso como César Longo, están a facer como Presidente e Vicepresidente desta Reserva.