A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO CELEBROU A XORNADA FINAL DO PROXECTO ECOCOMEDORES

A RESERVA DE BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO CELEBROU A XORNADA FINAL DO PROXECTO ECOCOMEDORES


O proxecto de EcoComedores, unha importante aposta da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo pola produción ecolóxica e a restauración colectiva, celebrou este venres 30 de setembro, a súa xornada final no Centro de Formación do Concello de Arteixo.

O Vicepresidente da Reserva e Alcalde de Paderne, César Longo, participou nesta clausura destacando a importancia que teñen para a saúde e o clima este tipo de proxectos, no que estiveron implicados, 10 centros escolares e dúas empresas que desfrutaron, nos seus comedores, con produtos procedentes de nove explotacións de horta ecolóxica, de tempada e de proximidade.

César Longo manifestou que o territorio “ten un potencial para fomentar unha alimentación escolar de calidade á vez que mitigamos o cambio climático”, agradeceu a colaboración de tódalas administracións e ensalzou o esforzo dos produtores e de persoal dos comedores por ser “clave” para la consecución do proxecto.
Na apertura da xornada estivo o Presidente e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, acompañado do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Carbarcos. 

O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, dentro da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia e a Fundación Carasso.