IRMANDAMENTO ENTRE A ILLA DE PRÍNCIPE E A RESERVA DA BIOSFERA MARIÑAS CORUÑESAS E TERRAS DO MANDEO

O presidente do goberno autónomo da illa de Príncipe no golfo de Guinea, José Cardoso Cassandra, realizou unha visita a varias localidades da comarca das Mariñas do 1 ó 3 de abril co obxecto de establecer un Irmandamento coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e compartir así experiencias, coñecementos e asesoramento para o desenvolvemento eficaz e a preservación dos respectivos territorios.

O acto de irmandamento tivo lugar o pasado día 2 nas dependencias do Pazo de Mariñán. Contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, co Alcalde de Abegondo e presidente da Reserva da Biosfera Mariñas-Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso Miramontes, co Alcalde de Paderne e vicepresidente desta Reserva da Biosfera, César Longo Queijo, coa Alcaldesa de Bergondo e anfitriona da localidade na que se realizou o acto, Alejandra Pérez, co director do CEIDA, Carlos Vales e os xestores da Reserva africana, Antonio Abreu e da Reserva da Biosfera Mariñas-Coruñesas e Terras do Mandeo, Jorge Blanco.

Illa Príncipe, conta cunha paisaxe de gran riqueza que precisan preservar conservando a súa natureza, o que os leva a buscar modelos para un desenvolvemento sustentable dando solucións ós problemas ambientais de saneamento e xestión de residuos que se lles están a presentar.

Un frutífero intercambio no ámbito da cooperación internacional que dará paso ó traballo conxunto entre estes dous territorios.