PRESENTACIÓN DAS II XORNADAS GASTRONÓMICAS “TERRITORIO ATLÁNTICO”

O Salón Real do Concello da Coruña, acolleu o pasado 25 de novembro, a presentación das II Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico – Reserva de Biosfera, que se celebrarán na cidade herculina do 6 ao 19 de decembro e que terán como protagonistas, por segundo ano consecutivo, aos produtos da Marca de Calidade da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O acto de presentación contou coa intervención do Vicepresidente do Consello de Dirección da Reserva de Biosfera e Alcalde de Paderne, César Longo, co Presidente e Concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego e co Xerente de Turismo Moisés Jorge Naranjo.

Esta segunda edición das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico Reserva de Biosfera, organizadas polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, en colaboración coa Reserva de biosfera, buscará de amosar as mellores propostas dos establecementos coruñeses en produtos Km0 da man de produtores das Mariñas Coruñesas en xeral e dos produtores de Paderne con Marca de Calidade en particular.

O Vicepresidente da Reserva, César Longo, quixo “agradecer ao Concello da Coruña e ao Consorcio de Turismo, por ter en conta novamente á Reserva de Biosfera nestas Xornadas Gastronómicas, por apoiar ás empresas certificadas na nosa Marca de Calidade, e por poñer en valor uns produtos de moi alta calidade nas mans duns extraordinarios cociñeiros”

“Estamos convencidos de que esta é a liña a seguir para funcionar como un verdadeiro destino turístico e gastronómico”, destacou César Longo na súa intervención.