II XORNADAS INTERNACIONAIS DE EDUCACIÓN AMBIENTAL

O pasado xoves 26 de abril, o Alcalde de Paderne e Vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, César Longo, moderou e presentou a mesa de traballo: “A Educación Ambiental e as Reservas de Biosfera” incluída nas II Xornadas Internacionais de Educación Ambiental que se realizaron no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros organizadas polo CEIDA.

Contaba coa intervención de Sergio Guevara Sada, coordinador da Cátedra UNESCO-Unitwin Reservas da Biosfera en Ambiente Urbano e presidente da Rede Unesco Ibero-MaB de México, con Diego López Pedreira, biólogo e técnico da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, con Carmen Borobio Vázquez, coordinadora dos programas de educación ambiental do CEIDA, con Alexandre Nevsky Rodrigues, director nacional do Ambiente do Goberno de Cabo Verde e con Ana Alice Pina, directora rexional do Ambiente e Conservación da Natureza de Illa Príncipe así como coa intervención do Presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes.

Entre os seus obxectivos está o de crear un marco de reflexión sobre a historia e os desafíos da Educación Ambiental como ferramenta para contribuír á sostibilidade e á mellora da problemática ambiental, tanto na nosa Comunidade como noutros países con afinidades culturais e lingüísticas como son Portugal, Brasil e Cabo Verde, presentes tamén nesta cita.

Tamén, e no marco da colaboración e intercambio internacional que está a realizar a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, este encontro serve para robustecer as relacións de cooperación internacionais así como para mellorar a formación e aumentar a eficacia do uso destes coñecementos en beneficio do medio ambiente.