Igrexa de San Xoan de Vilamourel

Está situada na parroquia de Vilamourel, freguesía anexa de San Xoán de Paderne que engloba os lugares de Altamira, Batán, Calzada, Medín e Teixeiro..

O seu nome posiblemente veña da unión da palabra latina “Villa”, que designaba unha finca rural ou casa de campo, e de “Moure”, “Mourel” ou “Mourelo”, que sería un nome de persoa.

A igrexa responde á tipoloxía dos templos románicos da zona das Mariñas, cunha soa nave de forma rectangular cuberta de madeira e un ábside abovedado no interior.

No exterior a estructura está reforzada por contrafortes prismáticos nunha boa parte da nave e o ábside. As portas laterais son de carácter sinxelo, estreitas e con tímpano liso. Complementando o conxunto podemos observar a presencia de xanelas aspilleradas ou canzorros de traza sinxela, sen decoración, tanto na nave como no ábside.

Un dato interesante é o da torre que había neste lugar que, segundo Portela Pazos, foi destruída nas Revoltas Irmandiñas. No século XVII era coñecida como a Torre de Maceda, da que aínda queda constancia por un plano realizado por un crego de Pontedeume (Soraluce, 1984).

Hai que resaltar a presencia de dúas antefixas de tipoloxía románica, unha delas (a do testeiro da nave) descansa enriba dun touro, aínda que do animal unicamente está esculpida a cabeza.

A sancristía, parte dos muros e a fachada, son froito dunha reforma moderna, posiblemente de finais do século XVIII ou primeiros anos do XIX. A fachada presenta gran semellanza coa de Verís, con espadana barroca e unha hornacina enriba da porta, onde hai anos estaba a imaxe de San Xoán Evanxelista.

A bóveda da capela maior así como os dous arcos de sustentación son apuntados con semicolumnas pegadas e sinxelos capiteis.


© 2013 Concello de Paderne