Igrexa de San Salvador de Velouzás

Situada no lugar do Adro, na parroquia de San Salvador de Velouzás. É de estilo románico-gótico..

Trátase dun edificio de planta rectangular cunha soa nave. O seus muros realizados en perpiaños de estereotomía irregular son de carga e a cuberta presenta dúas augas cunha cubrición de tella curva. Interiormente o espacio da nave ven delimitado por un arco triunfal que dá paso a un presbiterio rectangular desde o que se pode acceder ó corpo que funciona como sancristía de reducidas dimensións.

A iluminación do edificio provén de dúas seteiras que se abren nos muros correspondentes á nave e ó prebisterio, é moi escasa, tal e como adoita ser característico nestes edificios románicos nos que se pretendía illar ós fieis de todo aquelo que puidese distrae-la súa devoción e recollemento, de aí tamén o comedimento interior dos elementos decorativos.

Detalle Interior

O edificio transluce cara ó exterior a mesma sobriedade e sinxeleza de formas que se atopan entre os seus muros, de forma que a práctica totalidade da decoración se sitúa na fachada principal. Esta presenta unha porta composta por dous arcos de medio punto apoiados en pequenas columnas acubilladas nas xambas. Os capiteis destas últimas posúen unha sinxela decoración do mesmo xeito que as mochetas sobre as que descansa o tímpano liso ó que dan lugar. Sobre a porta sitúase un pequeno oco circular, que dá paso tras unha ruptura de cornixa a unha base rectangular que sostén unha espadana de dous ocos e rematada en pináculos, elemento que, polo seu carácter posterior, pon unha nota discordante no conxunto.

© 2013 Concello de Paderne