Igrexa de San Xoán de Paderne

Situada no lugar de Paderne, pertencente a parroquia de San Xoán de Paderne; é de estilo barroco.

O templo atópase no centro de Paderne, e rodeado dun muro de pedra que acolle tamén ó cemiterio parroquial.

Os muros da única nave son de carga e a cuberta é a dúas augas con cubrición de tella curva.

O interior da igrexa presenta unha extrema sobriedade, tanto na decoración coma nos seus elementos arquitectónicos. A sancristía está situada detrás do altar maior separada deste a través dun muro.

En canto ó exterior, o edificio é de gran sinxeleza e sobriedade, podendo observarse na súa composición as posibles e sucesivas modificacións que se fixeron a través do tempo. A decoración concéntrase na fachada principal que presenta sobre un eixo central vertical a porta alinteada e, rompendo a cornisa, unha espadana de dous ocos rematada por pináculos. O acceso á espadana efectúase a través dunha escaleira que arrinca do coro e o seu último tramo discorre polo penal da cuberta.


© 2013 Concello de Paderne